AVISOS
13/06/2017
As Bibliotecas Municipais de Oleiros premiadas pola FGEE
Premio Fomento da Lectura a bibliotecas abertas ao público

A Federación de Gremios de Editores de España FGEE, comunicoulle ao Concello de Oleiros a concesión do Premio Fomento da Lectura a bibliotecas abertas ao público. Este galardón ten por obxectivo recoñecer e destacar o labor que as bibliotecas desempeñan no desenvolvemento do hábito lector e na transmisión dunha imaxe da lectura como actividade cultural, positiva, útil e pracenteira.

Este recoñecemento, que o pasado ano foi concedido á Rede de Bibliotecas da provincia de Barcelona, entregarase no mes de outubro durante a celebración da Feira Internacional do Libro, Liber 2017, xunto cos premios ao fomento da lectura nos medios de comunicación, outorgado ao suplemento cultural do diario La Nueva españa, e o premio á mellor adaptación audiovisual que este ano recau no director de cine Juan Antonio Bayona.

Este premio pon de manifesto o importante labor que levan a cabo as Bibliotecas Municipais de Oleiros, especialmente as actividades de fomento da lectura entre as que se atopan exposicións e mostras bibliográficas, encontros con escritores, clubes de lectura, conmemoracións anuais, etc.

Parabéns as bibliotecas oleirenses polo seu recoñecido traballo!