AVISOS
25/10/2017
Premios de animación á lectura María Moliner
María Moliner
14 bibliotecas galegas entre as seleccionadas. A biblioteca de Verín premio especial

Onte día 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca déronse a coñecer os 300 proxectos premiados na XVIII Campaña de animación á lectura María Moliner 2017, convocada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación Coca-Cola entre os que se atopan 14 bibliotecas galegas.

Dos 604 proxectos presentados este ano, a comisión de valoración seleccionou aos 300 mellores, tendo en conta criterios como a claridade e o interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e a viabilidade do proxecto, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que conteña a proposta.

A estas 300 bibliotecas outorgaselle un premio metálico de 1706 euros.

Ademais, a comisión de valoración concede tres premios especiais dotados con 12000 euros, un para bibliotecas de municipios de menos de 5000 habitantes, outro para bibliotecas de municipios entre 5001 e 20000 habitantes e outro para bibliotecas de municipios entre 20001 e 50000 habitantes.

Este ano o premio especial para bibliotecas de municipios entre 5001 e 20000 habitantes foille concedido á Biblioteca Pública Municipal de Verín polo seu proxecto Voluntariado cultural con chic@s para el fomento de la lectura, do cal a comisión de valoración destaca a súa consolidación como un referente cultural na súa localidade, e o seu carácter transfronteirizo levando as actividades da biblioteca a aldeas cercanas de Portugal.

Desde aquí queremos felicitar ás 14 bibliotecas galegas seleccionadas, en especial á Biblioteca Pública Municipal de Verín, polo seu bo traballo de dinamización e animación á lectura, e animar a todas as bibliotecas da nosa Rede a continuar o seu incansable traballo.

Parabéns!

Podedes consultar toda a información aquí.