AVISOS
11/10/2022
4ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia
A biblioteca pública, unha personalidade creativa

 

A 4ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia desenvolverase o 24 de outubro de 2022, coincidindo co Día das Bibliotecas, no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

 

Promovida pola Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, é un foro de encontro e debate no que os e as profesionais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia terán a oportunidade de compartir, reflexionar e aprender en torno á mellora dos servizos bibliotecarios.

 

Nesta ocasión, o lema da xornada centra a ollada na creatividade. As bibliotecas son lugares nos que se accede ao coñecemento e á información, polo que serven para alimentar a curiosidade e facilitar a investigación. Tamén son espazos seguros e abertos para o lecer e a evasión, e polo tanto, para a imaxinación. Ter curiosidade, investigar, imaxinar... son requisitos necesarios para descubrir, innovar e crear, indo máis alá do coñecido. En definitiva, para a transformación e o progreso.

 

Na xornada compartiranse experiencias e proxectos orientados a propiciar a actividade creadora entre o público infantil e adulto. Ademais, poranse en común recursos creativos para a xeración de contidos e a difusión das oportunidades que ofrece a biblioteca, abrindo novas ventás para a atracción e a participación dos usuarios e usuarias. 

 

A xornada pecharase coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022.

 

Pode consultarse o programa aquí.

 

Información práctica

  • A asistencia é de balde previa inscrición nesta ligazón
  • Estas xornadas son de especial interese para o persoal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
  • No apartado OBSERVACIÓNS, cada persoa inscrita deberá indicar a biblioteca que constitúe o seu centro de traballo.
  • Para asistir á sesión de tarde, é necesario elixir un dos tres obradoiros que se ofrecen.