AVISOS
16/10/2023
5ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia
Fondo local. Memoria e identidade

A 5ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia, que promove a Dirección Xeral de Cultura, terá lugar o 30 de outubro de 2023 no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. 
Nesta quinta edición, a Xornada pretende dirixir a atención á memoria local, que define cada biblioteca e a comunidade á que serve. Identifica as persoas e o grupo social vinculados a un territorio, a unhas tradicións e a unha historia. A preservación desta memoria  constitúe a pedra angular dunha biblioteca e conforma o seu elemento diferenciador. 
Así, abordaranse diversos aspectos referidos á recollida, elaboración e conservación de materiais cos que recuperar e difundir a memoria local e exploraranse vías de achegamento á poboación que constrúe e é depositaria desa memoria.

Dunha forma amena, dinámica e práctica, os e as profesionais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderán coñecer e compartir experiencias coas que fortalecer e mellorar o seu labor na recuperación e preservación da memoria local. 

A xornada pecharase coa entrega dos Premios á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023.

Pode consultarse o programa aquí

Información práctica
 
A asistencia é de balde previa inscrición nesta ligazón
Estas xornadas son de especial interese para o persoal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
No apartado OBSERVACIÓNS, cada persoa inscrita deberá indicar a biblioteca que constitúe o seu centro de traballo.
Para asistir á sesión de tarde, é necesario elixir un dos tres obradoiros.

RESERVAS OBRADOIROS

Valorar e dixitalizar o fondo local patrimonial.
Estratexias para detectar e incrementar o fondo local.
Creación de mapas virtuais.