A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pon en marcha o proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais para a Prestación de servizos bibliotecarios.
Este procedemento permite obter unha certificación que avale as competencias profesionais desenvolvidas por aquelas persoas que non contan con titulación oficial que as acredite. Esta certificación é válida en toda España.
A cualificación profesional Prestación de servizos bibliotecarios (Código: SSC611_3) é unha cualificación de nivel 3, está encadrada na área profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade e está composta polas seguintes unidades de competencia:
- UC2594_3 - Informar ao usuario da biblioteca
- UC2595_3 - Formar ao usuario da biblioteca
- UC2025_3 - Desenvolver actividades de extensión cultural e bibliotecaria
- UC2024_3 - Efectuar o servizo de acceso ao documento
- UC2023_3 - Manter os fondos da colección da biblioteca
A Asociación profesional Bamad Galicia é entidade colaboradora neste proceso, polo que está habilitada para facer de intermediaria entre as persoas interesadas e a Administración. Deste xeito, encargarase de informar, asesorar e tramitar as solicitudes no proceso de avaliación e recoñecemento das competencias profesionais para que se poida seguir adecuadamente, e tamén sobre a formalización e presentación da documentación pertinente.
Procedemento de acreditación
Poderase solicitar a acreditación en todas as unidades de competencia ou nalgunha delas de xeito independente.
- Vías de acceso
Existen dúas vías de acceso ao proceso de acreditación: mediante experiencia laboral ou a través da formación. Deberase optar por unha delas en cada unidade de competencia que se desexe acreditar.
No caso da experiencia laboral deberán xustificarse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 15 anos. Será necesario achegar:
- Vida laboral.
- Certificado da actividade desenvolvida (Anexo II).
- No caso de persoal asalariado, contratos de traballo.
No caso de formación é preciso xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos. Será necesario presentar:
- Copia dos certificados que acrediten a formación, nos que consten os contidos, as horas de formación e o organismo que a acredita.
- Fases
O proceso consta de dúas fases, ambas as dúas obrigatorias para poder xustificar a competencia profesional: unha fase de asesoramento, que poderá desenvolverse de forma presencial ou telemática, e outra de avaliación, que terá por obxecto comprobar se a persoa solicitante demostra a competencia profesional requirida. Na avaliación poderase empregar a observación da persoa candidata no posto de traballo, simulacións, probas estandarizadas de competencia profesional ou a entrevista profesional.
- Centros participantes
O proceso desenvolverase para toda Galicia nos centros seguintes:
CIFP A Xunqueira
Rúa Rafael Areses s/n
36155, Pontevedra
CIFP Ánxel Casal - Monte Alto
Paseo Marítimo, 47
15002, Coruña, A
- Taxas
O proceso ten unhas taxas asociadas no momento de ser admitidas as solicitudes.
- Taxa da fase de asesoramento
As persoas candidatas admitidas para a realización da fase de asesoramento deberán aboar unha única taxa de 21,68€.
- Taxa da fase de avaliación
A persoa candidata admitida para a realización da fase de avaliación deberá aboar unha taxa de 10,84€ por cada unha das unidades de competencia nas que solicite a súa avaliación. Para as 5 unidades de competencia serían 54,2€.
Solicitudes
A partir do 3 de xullo Bamad comezará a recepción da documentación das persoas interesadas en participar no proceso. Aquelas persoas que desexen participar e que aínda non facilitasen os seus datos poden inscribirse neste formulario: https://forms.gle/NWZ9LU8S2KbJB8q2A
Bamad enviará información máis completa ás persoas inscritas para que comecen a enviar os seus datos e documentación.
En todo caso, as persoas que desexen participar poden optar por presentar a solicitude de maneira individual. Bamad presta o servizo de información e axuda na tramitación pero non é obrigatorio acudir a esta vía.
Máis información
Que é a acreditación? https://www.edu.xunta.gal/fp/acredita
Bamad Galicia <bamadgalicia@gmail.com>