AVISOS
07/07/2021
Ano Iberoamericano das Bibliotecas
A biblioteca como xeradora de comunidade e como espazo democrático

Tal e como vos comunicabamos na nova que publicamos o 26 de abril, a celebración do Ano Iberoamericano das Bibliotecas (AIB) ten por obxectivo, neste 2021, a reflexión ao redor da variedade e diversidade de roles das bibliotecas, así como sobre o seu impacto social e económico. Deste xeito, quérese traballar na idea da biblioteca como xeradora de comunidade e como espazo democrático para o acceso libre ao coñecemento e á información con equidade.

A Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura y Deporte, como punto focal de Iberbibliotecas en España, convida a todas as bibliotecas españolas, de calquera tipoloxía ou titularidade, a sumarse a esta celebración. Así mesmo, desde a Subdirección Xeral de Bibliotecas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade animámosvos a participar nesta inciativa para que deades a coñecer o labor que realizades desde os vosos centros.

Para enmarcar todas as accións e actividades que se desenvolvan dentro do AIB, establecéronse 6 eixos de traballo e creouse un selo para identificar os eventos e as actividades que as bibliotecas poñades en marcha.
Iberbibliotecas habilitou na súa web un espazo dedicado ao Ano Iberoamericano das Bibliotecas, no que poderedes atopar un formulario para que enchades os datos das actividades das vosas bibliotecas durante todo este ano. Tamén podedes agregar as actividades que xa se realizaron durante os meses pasados. Este formulario está accesible desde a web de Iberbibliotecas:   https://www.iberbibliotecas.org/como-participar,  e tamén desde o espazo web creado pola Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria con motivo do AIB, denominado "Actividades de las bibliotecas españolas"

Para poder dar a maior información e difusión a través das redes sociais e da canle de noticias da web, todas as  actividades que incluades incorporaranse a un Calendario de eventos organizado por países, habilitado por Iberbibliotecas. Ademais, poderedes acceder tamén desde "Actividades de las bibliotecas españolas". Así mesmo, e para dar unha maior difusión ás actividades que preparedes, podedes empregar os hashtag # BibliotecasQueCreanFuturos e #AñoIberoamericanodelasBibliotecas.