AVISOS
27/03/2018
Biblioteca Pública de Santiago Anxel Casal
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Décimo aniversario

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal cumpre 10 anos en 2018 e faino recibindo cada día máis de 1.000 visitantes que se achegan ao edificio de 5.900 m2 deseñado polo arquitecto Andrés Perea. Unha construción pensada para albergar os preto de 158.000 exemplares que conforman a súa colección, os 418 postos de lectura e os 53 ordenadores de uso público, así como para acoller as diversas actividades que se organizan cada semana para todo tipo de usuarios e usuarias.

Con este motivo, onte día 26 de marzo, tivo lugar a presentación das actividades de celebración do décimo aniversario da inauguración da biblioteca, que terán lugar o día 5 de abril. Ás 12.00 horas, todo aquel que o desexe pódese achegar á biblioteca para participar nunha visita guiada extraordinaria coa que coñecer os espazos e servizos que ofrece o centro.

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, o salón de actos acollerá un acto institucional conducido pola escritora e contacontos Paula Carballeira, que rematará cunha distinción ao usuario ou usuaria número 40.000. A continuación, a presentadora ofrecerá o contacontos 400 camelos e 40.000 libros. Despois terá lugar o espectáculo musical As aventuras de Mamá Cabra, contos que saen dos libros, a cargo de Gloria Mosquera acompañada de Javier Constenla ao piano.

Ata o 7 de abril, o vestíbulo da biblioteca acolle tamén unha mostra bibliográfica da súa historia.

Desde aquí trasladamos os nosos parabéns á Biblioteca Ánxel Casal, a todo o seu equipo e a todas as persoas que ao longo destes 10 anos formaron parte del dun ou doutro xeito.