AVISOS
10/06/2019
Certificación profesional en Bibliotecas
Certificación Profesional
Prestación de servizos bibliotecarios

O Instituto Galego das Cualificacións, dependente da Consellería de Emprego e Industria da Xunta de Galicia, por iniciativa de Bamad Galicia (Asociación profesional de Bibliotecarios, Arquiveiros, Museólogos e Documentalistas) e co apoio da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, está estudando a creación en Galicia da Certificación Profesional de Prestación de Servizos Bibliotecarios.

A Certificación Profesional é un documento mediante o cal se acreditan un conxunto de competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral identificable no sistema produtivo, sen que sexa constitutivo de regulación do exercicio profesional. Estes certificados son promovidos pola Unión Europea, teñen carácter oficial, son expedidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e polos órganos competentes das Comunidades Autónomas, e teñen validez en todo o territorio do Estado.

Estas certificacións permiten ás persoas sen formación específica en bibliotecas pero con experiencia laboral no desempeño da profesión, obter unha titulación que acredita as súas competencias profesionais e que lle recoñece o exercicio da súa profesión, así como mellorar a súa competitividade e a calidade do emprego.

O Instituto Galego das Cualificacións, comprométese a poñer en marcha o proceso de certificación, unha vez que exista un número suficiente de persoas interesadas en obter dita certificación, polo que é moi importante que aquelas persoas que estean interesadas o manifesten a través do formulario habilitado para este fin.

Tedes toda a información (requisitos, procedemento de acreditación, validez etc.) accesible no apartado Documentos e ligazóns.