AVISOS
28/01/2021
Día da Ilustración 2021
Acto de presentación na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

O pasado 25/01/2021 tivo lugar, na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, o acto de presentación do Día da Ilustración, que este ano homenaxea a María Dolores Díaz Baliño (A Coruña, 1905 – 1963), máis coñecida como Lolita Díaz Baliño. Fotógrafa, pintora, ilustradora e profesora, foi a primeira muller membro da Real Academia de Belas Artes (o 13 de febreiro de 1938) xunto con Carmen Corredoyra. A súa obra, de influencia folclorista, centrouse na representación do universo feminino, mantendo os estilos comúns aos seus coetáneos.

O cartel da edición deste ano foi elaborado por Manel Cráneo. Artista multimedia e interdisciplinario, combina os seus traballos no contexto do “fanzine” coa banda deseñada, así como coa ilustración tradicional e máis transgresora. A súa obra ten sido exposta en diferentes mostras, tanto en España e Portugal, coma en Francia e Cuba. Destaca, en particular, o Premio Nacional de Cómic sobre a ilustración da obra titulada “Vida y obra de García Lorca”.

O acto, no que interviron Manel Cráneo e un representante da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), foi pechado por Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Cultura.

O Día da Ilustración, que forma parte do Calendario do libro e da lectura de Galicia desde o ano 2014, toma como data de referencia a do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.