AVISOS
04/03/2019
Día internacional do Libro Infantil e Xuvenil
Día internacional do libro infantil e xuvenil
Concurso "Selfie LIX Día Internacional"

O vindeiro día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha data na que se conmemora o nacemento do escritor Hans Christian Andersen, creador de contos para nenos tan destacados como "O parrulo feo", "A sereiña" ou "O soldadiño de chumbo", e que promove a IBBY (International board on books for young people).

Este ano a redacción da mensaxe e a confección do cartel correu a cargo da sección de Lituania da IBBY que difunde o cartel e a mensaxe de Kestutis Kasparavicius.

Coincidindo con esta data sinalada a OEPLI Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil, e as súas diferentes seccións, entres as que se atopa GALIX Asociación Galega do Libro infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Cultura e Deporte, convocan o concurso "Selfie LIX". Este concurso vai dirixido a nenas e nenos de primaria e primeiro ciclo de secundaria, que deberán escoller unha ilustración dun personaxe ou unha escena da literatura infantil e xuvenil, facer unha foto recreando o personaxe ou a escena escollida e presentar a fotografía xunto co fragmento ou a ilustración que a inspira, indicando o título do libro ao que pertence.

A participación no concurso organizarase a través dos centros docentes e bibliotecas que deberán facer unha selección previa de tres traballos por categoría e entregalos antes do día 10 de abril (ampliouse o prazo, o inicial remataba o día 2 de abril).

Por outra banda, as bibliotecas e librarías que o desexen poderán adherirse á conmemoración desta data a través da páxina da OEPLI.

Deixámosvos a ligazón a toda a documentación e ao cartel conmemorativo no apartado documentos e ligazóns, ao pe desta nova.