AVISOS
07/06/2018
Distinción anual Selo CCB
Consello de Cooperación Bibliotecaria
Recordatorio prazo Convocatoria 2018 Segunda edición

Lembrámosvos que o Consello de Cooperación Bibliotecaria (CCB), órgano colexiado de composición interadministrativa que canaliza a cooperación bibliotecaria entre as administracións públicas, convoca unha nova edición da súa distinción anual Selo CCB, coa que se pretende resaltar os proxectos de bibliotecas máis destacados durante o ano, que teñan relación cos obxectivos do II Plan Estratéxico do Consello.

Lembrade tamén que o prazo para remitir as candidaturas mediante o formulario habilitado, remata ás 24 horas do día 30 deste mes de xuño de 2018.

Este premio distinguirá aqueles proxectos innovadores de bibliotecas das diferentes tipoloxías dependentes de institucións e organizacións públicas, xa executados e desenvolvidos en España que poidan servir como modelo de boas prácticas.

As distincións que obterán os proxectos gañadores consistirán nun Diploma asinado polo Consello de Cooperación Bibliotecaria (CCB), no que constará o título do proxecto e o nome da biblioteca e/ou institución que o realizou, e nun selo do CCB que acredita o recoñecemento (dixital) e que se poderá colocar nun lugar visible da súa biblioteca, blog, páxina web, sinatura de correo electrónico ou outros recursos dixitais.

Os proxectos que non resultaron gañadores na convocatoria do pasado ano 2017 poderanse presentar novamente.

Podedes acceder a toda a información, bases da convocatoria e formulario na páxina web do Consello de Cooperación Bibliotecaria.

Animádevos a participar!