AVISOS
15/01/2019
Estadías formativas Consello de Cooperación Bibliotecaria
Consello de Cooperación Bibliotecaria
Convocatoria 2019

O Consello de Cooperación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Deporte, pon en marcha un proxecto piloto de Estadías Formativas no territorio nacional.

Este proxecto será o punto de partida dun plan de mobilidade que ten como finalidade contribuír á mellora das competencias profesionais e á formación en áreas específicas de traballo dos bibliotecarios españois de calquera tipoloxía de bibliotecas (públicas, universitarias, especializadas, escolares, nacionais e rexionais), mediante a realización de estadías curtas de formación en diferentes centros bibliotecarios dependentes de diferentes administracións e organizacións.

Este proxecto pretende fomentar a cooperación e interrelación entre profesionais, ofrecendo estadías dunha duración de 2 a 5 días para levarse a cabo en bibliotecas e centros de documentación, co obxectivo de convertirse nunha oportunidade de formación, acceso a boas prácticas e punto de partida para compartir proxectos.

As estadías realizaranse entre maio e novembro de 2019 e a oferta do programa terá un máximo de 90 beneficiarios. A convocatoria está aberta a profesionais de todo tipo de bibliotecas, que deberán cubrir o formulario en liña dispoñible na sede web do Consello de Cooperación Bibliotecaria.

A Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura e Deporte, asumirá a xestión do desprazamento e proporcionará unha axuda de alomenos 200€ para a mobilidade do beneficiario.

Na seguinte ligazón poderedes atopar as bases da convocatoria, as estadías ofertadas e o formulario de solicitude: Estadías formativas 2019 

Desde aquí animamos a todos os bibliotecarios da Rede a que aproveiten esta oportunidade de coñecer outras formas de traballar.