AVISOS
15/07/2022
Estatísticas
Nova presentación dos resultados

Co obxectivo de que a información relativa ás bibliotecas públicas galegas poida ser consultada dun xeito máis claro e amigable, preséntase unha nova visualización dos resultados recabados a través do formulario estatístico anual.

A nova presentación das estatísticas está accesible desde o apartado "Estatísticas" > "Acceso aos resultados" desta web e estrutúrase en cinco apartados:

1. Colección: inclúe a información relativa ás diferentes tipoloxías documentais que integran os fondos, o número de exemplares, a colección en lingua galega, o fondo local e o anterior a 1901.

2. Usos e usuarios: contén os datos referentes ao número de usuarios e de préstamos, así como os servizos e actividades ofertadas e o uso que se fai deles.

3. Instalacións e equipamentos: incorpora a información relativa aos horarios de apertura, espazos e equipamento.

4. Persoal: recolle as categorías profesionais e o número de traballadores que se adscriben a cada una delas.

5. Gastos: proporciona información sobre os gastos correntes (en actividades, colección, persoal etc.) e investimentos (en equipamento informático, mobiliario etc.) realizados polos organismos con destino ás bibliotecas.

Cada un destes epígrafes consta de dúas seccións:

1. Consulta, que permite obter datos detallados relativos a cada área (“Colección”, “Usos e usuarios”, “Instalacións e equipamentos”, “Persoal” e “Gastos”).

2. Indicadores de rendemento que, por unha banda, relacionan entre si os datos obtidos nas diferentes áreas da estatística e, por outra, relacionan estes datos con outras dimensións como a poboación. Permiten medir a eficacia e a eficiencia da xestión e poden axudar na toma de decisións e na aplicación das accións pertinentes para unha posible mellora. No caso dos indicadores de rendemento poboacionais, o obxectivo é dar a coñecer a situación na que se atopan os habitantes dun municipio en relación cos servicios proporcionados pola totalidade de bibliotecas públicas desa localidade.

A nova páxina permite aplicar filtros á busca en calquera dos cinco apartados nos que se estrutura a información. Os resultados das consultas pódense visualizar na propia páxina en formato de táboa ou exportalos nun ficheiro en formato CSV ou Excel co obxectivo de que os datos sexan así máis facilmente manexables.