Aproveitando a celebración internacional do Día do Libro e dos Dereitos de Autor, a Secretaría Xeral de Cultura presentou hoxe día 23 de abril, os novos contidos de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.
GaliciaLe púxose en marcha o 20 de outubro de 2014 proporcionando un servizo de préstamo temporal de libros en formato dixital de temáticas diversas, no que os intereses de todas as persoas lectoras tiñan o seu espazo e todas as idades o seu lugar. Ao longo de todo este tempo que estivo en marcha a plataforma, que aglutina o Catálogo Galego e o Catálogo en Castelán, deu servizo a uns 2000 usuarios, con acceso a máis de 1700 títulos, consultables a través de móbiles, tabletas, lectores de libros electrónicos, ordenadores, etc.
Hoxe a plataforma dá un paso máis nos seus servizos poñendo en marcha o préstamo de películas e videos documentais do Catálogo Galego. Trátase dunha colección de preto de 80 títulos das principais productoras galegas que estarán dispoñibles para a súa visualización a través de GaliciaLe.
Para dar a coñecer estes novos contidos e seguir afianzando o préstamo de obras en formato electrónico a través da plataforma, a Secretaría Xeral de Cultura pon en marcha unha campaña de difusión co lema "A Biblioteca vai contigo", que se inicia co envío ás bibliotecas públicas galegas de material promocional (stoppers, marcapáxinas, folletos informativos, carteis) para a súa distribución entre os usuarios e usuarias e a súa exhibición nas bibliotecas. Elaborause ademais un vídeo promocional que pode verse a través de Youtube.
GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. En calquera lugar, en calquera momento, a biblioteca vai contigo.