AVISOS
28/07/2020
Iberbibliotecas
Charlas e obradoiros virtuais

Iberbibliotecas inicia unha programación de encontros virtuais que ten como obxectivo reflexionar sobre temas fundamentais para a xestión das bibliotecas, así como brindar ferramentas ás persoas que traballan nelas.

A primeira charla será hoxe martes 28 de xullo ás 17.00 h. (hora española) e leva como título «Bibliotecas populares e comunitarias: como achegan ao tecido social das comunidades?». Nela participarán:

- María Inés Gómez, da Biblioteca Popular «Por camiños de libros», Buenos Aires, Arxentina

- Ana Paula Carneiro, da Biblioteca Comunitária Sete de Abril, Salvador, Brasil

- Karen Chávez Ortiz, da Biblioteca Comunal Antonio Gálvez Ronceros – Chincha, Chincha Alta, Perú.

María Inés Gómez e Ana Paula Carneiro son dúas das gañadoras da Bolsa Internacional Iberbibliotecas 2020 e Karen Chávez Ortiz foi gañadora das Pasantías Internacionais Iberbibliotecas 2019. As tres destácanse polo seu labor nas bibliotecas populares ou comunitarias ás que están vinculadas.

A moderación da charla correrá a cargo de Isabel Cristina Bernal Vinasco, experta en educación, cultura e bibliotecas.

Durante a charla Iberbibliotecas informará sobre o seu primeiro obradoiro, que terá cupo limitado.

A transmisión do encontro será no Facebook e o Youtube de Iberbibliotecas.