AVISOS
16/07/2019
Iberbibliotecas: 4ª convocatoria de pasantías internacionais 2019
Prazo de presentación ata o 11 de agosto

O programa Iberbibliotecas presenta unha nova convocatoria das Pasantías Internacionais, que teñen por obxectivo contribuir ao desenvolvemento de recursos humanos suficientes e altamente cualificados para asumir os retos que as bibliotecas públicas teñen na rexión iberoamericana.

Este programa está dirixido a bibliotecarios públicos, comunitarios e populares dos paises e cidades membros do programa, que poderán mellorar as súas competencias profesionais, a comunicación e a colaboración entre profesionais de bibliotecas iberoamericanas.

A pasantía que se realizará este ano terá como tema central as diferentes accións que se desenvolven nas bibliotecas públicas para posicionalas como espazos xeradores de paz. Entre os seus obxectivos, figuran:

- Promover a biblioteca pública como instrumento de apoio no desenvolvemento sociocultural dun país en cumprimento da Axenda 2030

- Realizar un intercambio de experiencias sobre o labor da biblioteca pública como instrumento de apoio á xeración dunha cultura de paz.

- Coñecer a experiencia conxunta do Ministerio de Cultura y Juventud, o Ministerio de Justicia y Paz e o goberno local dirixida á mocidade.

- Visitar bibliotecas ubicadas nos Centros Cívicos por la Paz

 

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 11 de agosto.

Datas de celebración: do 3 ao 9 de novembro

Lugar de celebración: Costa Rica

Todos aqueles que desexen participar poden acceder á información detallada da convocatoria na páxina creada polo programa Iberbibliotecas para estas pasantías: 4ª Convocatoria de Pasantías Internacionais 2019.