AVISOS
11/02/2019
Iberbibliotecas: 7ª convocatoria de axudas
Iberbibliotecas
Recepción de propostas ata o 4 de maio

Iberbibliotecas realiza unha convocatoria anual de axudas dirixida ás bibliotecas públicas dos países e cidades membros, co obxectivo de consolidar as bibliotecas públicas como espazos de libre acceso á información e á lectura, traballar pola inclusión social e contribuír a cualificar a educación e o desenvolvemento.

Esta sétima convocatoria de axudas está destinada a proxectos de tres categorías:

  1. Proxectos para fortalecer redes e sistemas de bibliotecas nacionais, rexionais ou de cidades.
  2. Proxectos de planificación e desenvolvemento de servizos de extensión bibliotecaria.
  3. Proxectos desenvolvidos en bibliotecas públicas comunitarias vinculados directamente ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS Axenda 2030).

Cada entidade poderá presentar un só proxecto. Dúas ou máis entidades dos diferentes membros do programa poderán asociarse para presentar un proxecto común e aspirar a unha axuda económica maior.

Lembrámosvos que poderán participar as bibliotecas públicas, comunitarias e populares dos países e cidades membros; asociacións, redes e sistemas de bibliotecas públicas; organizacións públicas e privadas que presenten proxectos para o desenvolvemento de bibliotecas públicas e redes de bibliotecas dos países membros.

As propostas poderanse presentar en español e portugués, enviando unha mensaxe de correo electrónico á conta iberbibliotecas@cerlalc.org co asunto "Convocatoria de Axudas 2019".

Unha vez analizados e valorados os proxectos repartiranse entre os premiados un total de 240.000 dólares estadounidenses, podendo acadar cada premiado un máximo de 20.000 dólares no caso de proxectos individuais e de 40.000 dólares para proxectos presentados por dous ou máis membros.

Tedes toda a información dispoñible na seguinte ligazón: http://www.iberbibliotecas.org/convocatorias/