AVISOS
24/10/2019
II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia
Proxecto gañador do II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia

O luns 21 de outubro, trala finalización da II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, procedeuse lectura á acta co fallo da comisión de valoración para o II Premio á Innovación Bilbiotecaria de Galicia. O premio recaeu no proxecto Mapa literario de Vigo, da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo.

A comisión de valoración salienta, entre outros aspectos, a orixinalidade e a creatividade de Mapa literario de Vigo, "que fomenta a lectura e a literatura galega a través do local e do coñecemento dos barrios e da comunidade á que presta servizo a biblioteca. Empregando como fío condutor aquelas obras literarias que teñen como escenario a cidade de Vigo, o proxecto logra a implicación dos lectores e da cidadanía no seu conxunto".

A comisión de valoración estableceu a concesión do segundo lugar ex aequo para os seguintes proxectos finalistas que obtiveron a mesma puntuación:

  • Obradoiros e actividades infantís para a inclusión social, da Biblioteca Central Rialeda do Concello de Oleiros.
  • Achega: a biblioteca como espazo inclusivo para persoas con diversidade funcional, da Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano do Concello da Coruña.

Finalmente, o terceiro lugar recaeu en: Aparca ben e leva un libro, da Biblioteca Pública Municipal do Concello do Porriño.

A comisión agradeceu a todos os participantes "o esforzo, a vocación de servizo, a creatividade e a dedicación á comunidade de todas as bibliotecas candidatas e do seu persoal".

Noraboa aos premiados, aos finalistas e a todos os participantes.

Desde a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, animámosvos a todos a que o vindeiro ano presentedes os vosos respectivos proxectos ao que será o III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia.