AVISOS
14/11/2019
II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019
Concesión do premio á Biblioteca Pública Municipal de Vigo "Neira Vilas"

Hoxe día 14 de novembro publícase no DOG a Resolución do 8 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade á axuda concedida ao abeiro da Orde de 24 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2019, mediante a cal se fai pública a concesión do II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019 á Biblioteca Pública Municipal de Vigo "Neira Vilas" polo seu proxecto Mapa literario de Vigo.

A comisión de valoración destacou "a orixinalidade e creatividade do proxecto, que fomenta a lectura e a literatura galega a través do local e do coñecemento dos barrios e da comunidade á que presta servizo a biblioteca". Ademais a comisión de valoración resalta que o proxecto supón a "potenciación económica da cidade por medio das visitas guiadas, e o aproveitamento no eido da educación".

Este premio ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.

O galardón está dotado cun único premio de 3000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e o acto de entrega celebrouse o pasado 16 de outubro durante a celebración da II Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia.