AVISOS
18/11/2020
III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia
Publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia

Publicada no DOG a Resolución do 11 de novembro de 2020 pola que se dá publicidade da axuda concedida ao abeiro da Orde do 29 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2020.

A resolución recolle a concesión do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2020 ao Concello de Bóveda, polo proxecto "Biblioteca accesible. Un proxecto de integración social da Axencia de Lectura Municipal de Bóveda", ao abeiro da Orde do 29 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2020 (procedemento CT237A).

Tal e como recolle a acta da reunión celebrada o 25 de setembro de 2020, a comisión de valoración que otorgou este III Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia salientou, entre outros aspectos, o valor deste proxecto no que a biblioteca pública se constitúe nunha institución integradora, a través da lectura, de toda cidadanía e, moi especialmente, daqueles usuarios e usuarias con diversidade funcional. Así mesmo, destacou o seu papel catalizador e de cohesión social mediante a colaboración con outras institucións e axentes da contorna e co resto da comunidade á que atende a biblioteca.

Para finalizar, a comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2020 fixo unha mención especial ás iniciativas presentadas noutros proxectos desta edición, nas que queda patente a capacidade de resposta da biblioteca pública ante unha situación sobrevida como é a da pandemia por COVID-19. A variedade e amplitude das actividades que se desenvolveron son unha mostra indiscutible do papel destas institucións como ferramentas de apoio social á comunidade.