AVISOS
15/10/2021
III Xornada de bibliotecas públicas de Galicia 2021
A biblioteca social

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Cultura, convoca a III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, baixo o lema A Biblioteca Social. Esta actividade terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) o vindeiro día 25 de outubro.

Para poder asistir é preciso inscribirse previamente a través do formulario que estará dispoñible na páxina web da Cidade da Cultura, na ligazón que publicaremos proximamente, desde o 18/10/2021 ata o 22/10/2021, ás 00.00 h. As prazas cubriranse por orde de inscrición dando prioridade ao persoal das bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

A xornada retransmitirase en directo e poderá seguirse a través da canle da Cidade da Cultura en youtube.

Contidos

Logo de que, en 2019, a II Xornada de bibliotecas públicas de Galicia se centrase nas bibliotecas inclusivas, poñendo a atención sobre a accesibilidade e a atención ás persoas con discapacidade, nesta edición tratarase de completar esta mirada á función integradora das bibliotecas baixo outro punto de vista. Trátase agora de abordar o seu papel para a integración e cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade.

Con este obxectivo, preténdese revelar e ofrecer novas perspectivas en torno ás seguintes áreas:

  • A biblioteca inclusiva e integradora.

Trátase de visibilizar a capacidade da biblioteca para funcionar como centro integrador, mediante a prestación de servizos e a posta en marcha de programas orientados a persoas desfavorecidas, pertencentes a minorías ou con dificultades de integración social.

  • A biblioteca como espazo de relación interxeracional.

As condicións de vida actuais non favorecen a convivencia entre distintas xeracións, e as persoas maiores corren o risco do empobrecemento das súas relacións e de illamento. As bibliotecas poden contribuír a reducir esta separación a través de espazos e actividades que favorezan o intercambio e a convivencia.

  • A biblioteca aberta e participativa.

A biblioteca pode erixirse en centro cultural e social de referencia na comunidade, a través da relación, cooperación e coordinación con outros centros e institucións activos na contorna. Ao mesmo tempo, pode contribuír á construción dunha sociedade máis madura, consciente e integradora facilitando a participación cidadá e a consolidación de relacións sociais positivas, a través da colaboración con diversos colectivos e institucións.

A Xornada pecharase coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021.

 

Desenvolvemento da Xornada

9.30. Recepción

10.00. Benvida e apertura da xornada

10.15. Relatorio. A biblioteca solidaria

            David Martínez Ayllón. Biblioteca Pública de Cuenca

11.00. Mesa de experiencias. A biblioteca participativa e aberta a todas as idades

          Antonio Díaz Grau. Biblioteca Pública de San Javier (Murcia)

          Ana Isabel Alonso López. Biblioteca Pública Enrique Rivera Rouco das Pontes de García Rodríguez (A Coruña)

          Mónica Carballo Quiroga. Biblioteca Pública do Saviñao (Lugo). Colectivo Lemos Le.

          Francisco Montoto Veira. Centro Interxeneracional de Ourense.

12.00. Pausa café

12.30. Mesa de experiencias. A biblioteca inclusiva e integradora

          Juan Sobrino García. Biblioteca Pública de Soto del Real (Madrid)

         Mar García Pérez. Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo (Pontevedra)

         Vicente Rodríguez Justo. Biblioteca Pública de Verín (Ourense)

         Santiago González Avión. Asociación Diversidades

13.30. Entrega do Premio á innovación bibliotecaria 2021

13.45. Conclusións e peche