O xoves 12/01/2023 está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución da Dirección Xeral de Cultura pola que se abre o prazo de inscrición no catálogo Ler Conta Moito 2023 de actividades de dinamización da lectura en bibliotecas públicas.
O prazo para inscribirse e solicitar a inclusión de actividades no catálogo comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ata o 15 de febreiro de 2023. O acceso atópase na sección “Ler conta moito” da web da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia https://rbgalicia.xunta.gal/rbgler, no apartado “Alta actividades no catálogo”.
As persoas físicas e xurídicas interesadas poderán presentar un máximo de 3 propostas de actividades de dinamización. No caso de incluír 3 actividades, como mínimo unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero.
As actividades incluídas en anteriores edicións non se conservarán por defecto no catálogo, senón que é preciso dalas de alta de novo. Non obstante, para facilitar a inscrición, poderase recuperar a información e imaxes relativas a elas.
Para resolver as dúbidas ou incidencias que xurdan en relación con este programa, está dispoñible o correo electrónico lercontamoito@xunta.gal e o teléfono 981 95 72 78.