AVISOS
12/01/2023
Ler Conta Moito 2023
Publicada a Resolución pola que se abre o prazo de inscrición no catálogo Ler conta moito 2023 de actividades de dinamización da lectura

Publicada no Diario Oficial de Galicia, do xoves 12/01/2023, a Resolución do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se abre o prazo de inscrición no catálogo Ler conta moito 2023 de actividades de dinamización da lectura en bibliotecas públicas.

O prazo para inscribirse e solicitar a inclusión de actividades no catálogo comprende desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ata o 15 de febreiro de 2023. O acceso atópase na sección “Ler conta moito” da web da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia https://rbgalicia.xunta.gal/rbgler, no apartado “Alta actividades no catálogo”.

As persoas físicas e xurídicas interesadas poderán presentar un máximo de 3 propostas de actividades de dinamización. No caso de incluír 3 actividades, como mínimo unha delas terá que estar orientada especificamente a promover a igualdade entre homes e mulleres e/ou a loita contra a violencia de xénero.

As actividades incluídas en anteriores edicións non se conservarán por defecto no catálogo, senón que é preciso dalas de alta de novo. Non obstante, para facilitar a inscrición, poderase recuperar a información e imaxes relativas a elas.

Para resolver as dúbidas ou incidencias que xurdan en relación con este programa, está dispoñible o correo electrónico lercontamoito@xunta.gal e o teléfono 981 95 72 78.

As sucesivas resolucións tamén publicaranse no apartado Axudas e subvencións desta páxina web.