AVISOS
16/03/2020
Medidas na Rede de Bibliotecas de Galicia
Adopción de medidas durante o estado de alarma
A continuación presentamos a relación das medidas adoptadas desde o Servizo de Bibliotecas con motivo da situación excepcional na que nos atopamos:
 
1. Club de lectura de Galicia
Suspensión dos envíos de lotes de libros.
 
2. Formación
Suspéndense os seguintes cursos ata novo aviso:
- Os cursos sobre informes estatísticos no programa Koha que se ían impartir ao longo destas dúas semanas.
- O curso da EGAP "Axenda 2030 e bibliotecas: oportunidades e retos" (a EGAP xa comunicou aos solicitantes, por medio de SMS e correo electrónico, a cancelación)
 
3. Circulación (préstamos, reservas etc.):
3.1. Bibliotecas Koha
- Préstamos: todos os préstamos que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución. Puxemos un aviso no OPAC de Koha comunicando esta circunstancia, así como o peche das bibliotecas da Rede (despublicamos as mensaxes xa existentes de cada biblioteca).
- Reservas: as reservas sen confirmar quedan suspendidas, de xeito que aínda que se entreguen os documentos (nos buzóns, por exemplo), non sairán os avisos de reserva nas pantallas de devolución. Polo tanto, as reservas non se poderán confirmar nin sairán os avisos automáticos de reserva dispoñible.  Queda deshabilitada a reserva no OPAC  e os bibliotecarios non deberedes facer novas reservas desde a intranet. Unha vez regresemos á normalidade, darémosvos intrucións sobre como proceder coas reservas que puideran ter quedado sen confirmar.
En relación coas reservas de préstamo intrabibliotecario confirmadas que os usuarios non puideron recoller, non se pode facer nada automaticamente. Os bibliotecarios teredes que sacar estas sancións manualmente.
 
3.2. Bibliotecas Meiga
- Contactamos co CAU para que todos aqueles de vós que teñades Meiga como programa de xestión poidades solicitar a prórroga da data de devolución. 
- Incluirase a mesma mensaxe que a que aparece no OPAC de Koha:
Debido á situación excepcional na que nos atopamos, os centros da Rede de Bibliotecas de Galicia permanecerán pechados durante os días nos que estea en vigor o estado de alarma.
Todos os préstamos que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución.
Un cordial saúdo.
 
Para solicitar estes cambios, é preciso que vos poñades en contacto co CAU dirixíndolle un correo electrónico. Por favor, indicade claramente o nome da vosa biblioteca.
 
3.3. Bibliotecas con outros programas de xestión
Recomendamos a adopción destas mesmas pautas.
 
 
4. Atención por parte do persoal do Servizo de Bibliotecas
O persoal do Servizo de Bibliotecas faremos o noso traballo por medio do sistema de teletraballo. Mentres non se remate de facer a adaptación dos equipos, teléfonos etc., podedes contactar connosco por medio do correo electrónico. En caso necesario, tamén podedes facelo por vía telefónica en horario de  8.00 a 15.00 h., a través do CAU, o cal se porá en contacto connosco.
 
 
5. Adopción doutras medidas
Calquera nova medida que adoptemos e que afecte ao  conxunto da Rede será comunicada a través da páxina web da Rede de Bibliotecas (https://rbgalicia.xunta.gal/gl​) e das mensaxes de correo electónico que remitiremos coa colaboración do CAU.​