Unha delegación da Rede de Bibliotecas Públicas e Escolares de Braga visitou o pasado 6 de xuño a Biblioteca Pública de Ourense Nós e a Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro.
O director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, Xosé Lago, a subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rural, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Jorge Sampedro, déronlles a benvida na Biblioteca Pública de Ourense Nós aos 21 profesionais das bibliotecas escolares e públicas do distrito de Braga, cos que compartiron coñecementos e prácticas das bibliotecas de ambas as dúas rexións. A continuación, visitaron a Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro da man da súa responsable, Isidora Gil.
A visita está enmarcada nunha experiencia piloto, de intercambio entre as bibliotecas da nosa Eurorrexión, que se está a preparar dentro do programa cultural de cooperación transfronteriza Nortear.