AVISOS
02/11/2021
Patrimonio bibliográfico e fotográfico
Publicación de pautas para a súa dixitalización

O Consejo de Cooperación Bibliotecaria (CCB) do Ministerio de Cultura y Deporte acaba de publicar as súas Recomendaciones para Proyectos de Digitalización de Patrimonio Bibliográfico y Fotografía histórica. Este documento é froito da actividade do Grupo de Trabajo de Buenas Prácticas en Digitalización, conformado por expertos en dixitalización, fotografía, biblioteca dixital e fototeca histórica, de diversas institucións españolas, e pretende ser unha guía de referencia para aquelas institucións ou empresas que xestionen ou executen proxectos de dixitalización de fondos patrimoniais no ámbito español e latinoamericano.

O documento aborda a dixitalización de todo tipo de materiais textuais, impresos, gráficos e cartográficos (libros, xornais, revistas, mapas, debuxos e gravados, partituras, manuscritos,  microfilms etc.) e de materiais fotográficos. Nel, cóbrense todas as fases dos proxectos de dixitalización de patrimonio bibliográfico e fotografía histórica, desde a planificación inicial ata a entrega dos materiais dixitalizados. Isto inclúe, entre outras cousas, a selección de materiais, os espazos de traballo, a preparación e elección dos equipos, a manipulación dos documentos, o transporte dos materiais, os procesos e parámetros de captura, o procesamento de imaxes, a xestión da cor, o recoñecemento óptico de caracteres, a xeración de copias, os metadatos asociados, a estrutura de cartafoles e o nomeado de arquivos, a documentación dos proxectos e a súa planificación e avaliación.