AVISOS
19/06/2020
Restablecemento dos servizos bibliotecarios
Desaparece a obriga de corentena nos préstamos e restablécense os servizos das bibliotecas de acordo coa normativa vixente

Comunicamos que desaparece a obriga da corentena de libros, prensa e outros materiais que se prestan aos usuarios nas bibliotecas públicas de Galicia e que se restablecen os servizos bibliotecarios de conformidade coa seguinte normativa:

O Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 establece no artigo 14 que as administracións competentes deberán asegurar o cumprimento polos titulares das bibliotecas as normas de aforo, desinfección, prevención e acondicionamento que aquelas determinen.

Estas medidas son as establecidas pola Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, publicada no DOG do 12 de xuño. As medidas sobre o funcionamento das bibliotecas son as previstas no punto 3.14, que non establece ningunha referida ao depósito dos libros ou outro material utilizados polos usuarios.