AXENDA
Emma Pedreira: os libros que hai en min
17/02 - 31/03
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Mostra bibliográfica

Co gallo da participación da escritora Emma Pedreira na sesión do venres 17 de febreiro dos "Diálogos entre a Psicoanálise e a arte" facemos unha escolma da obra desta autora que estará dispoñible no salón de actos o día 17 de febreiro durante o diálogo e no segundo andar desde o sábado 18 ata o 31 de marzo durante o horario de apertura da biblioteca.

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, escritora e artista plástica. Como poeta a súa obra atinxe máis de dez títulos entre os que atopar O libro das mentiras ou Antídoto. En 2017, un poema deste poemario foi considerado o Mellor Poema do Mundo e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos. No ano 2018 gañou o Premio da Crítica Española no apartado de narrativa en galego por Bibliópatas e fobólogos, o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas. En 2019 gaña o Premio Jules Verne por Os corpos invisibles (Xerais). Esta novela tamén foi considerada, xunto coa autora, a mellor do ano 2018 pola revista electrónica Fervenzas Literarias. En 2020 gaña o Premio da Gala do Libro Galego ao mellor texto xuvenil por Os Corpos Invisibles. En 2021 publica Os libros que hai en min (Cuarto de Inverno), unha biografía bibliográfica que entronca con Bibliópatas e Fobólogos e a biografía novelada Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo (Galaxia), que escribiu a catro mans con Marilar Aleixandre. Vén de publicar o poemario bilingüe Para saír deste lugar (Urutau), ao que acompaña a serie de collage do mesmo nome.

Como artista plástica participa con collage nos poemarios O Elo, de Quico Valeiras (Urutau) e Círculo dentro do círculo, de Inma Doval (Urutau) e na publicación Xela Arias poeta nas marxes (O Arquivo das Trasnas) así como en portadas de libros, ou en revistas especializadas como Cuaderno Artístico, Collage, La jirafa en llamas, entre outras.

Tamén publicou o folletín eclectrónico-poético-colaxístico Bicadora Duncan en https://bicadoraduncan.wixsite.com/conto