AXENDA
Exposición 'Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción'
09/12 - 25/01
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Santiago de Compostela / A Coruña
Enmarcada no Proxecto Nortear

Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción é unha singradura a través de
temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da
nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico percorremos a
ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal. 

Os fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos que compoñen esta
exposición e que imos recollendo a modo de crebas ao longo deste itinerario,
deixan ver a solidez e coherencia dun universo creativo, que evidencia que a
globalización dixitalizada do século XXI continúa a necesitar de historias
de noso, con novas expresións, medios e soportes.

A literatura, os filmes, o teatro, a banda deseñada, os /tráiler/ e
/book-tráiler/ ou os /making of/ configuran este renovado mosaico de
ficción. Xéneros, argumentos, personaxes, escenarios, que compoñen este
mapa conceptual, que deixa entrever as continuidades dos nosos imaxinarios
xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño. 

Esta exposición organizase ao abeiro dun proxecto europeo POCTEP,
denominado Nortear, que ten como fin abrir canles de coñecemento e
difusión da cultura entre Galicia e a rexión Norte de Portugal.
Os participantes neste proxecto son, ademais da Secretaría Xeral de Cultura
de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e o
Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteriza, Galicia- Norte de
Portugal (AECT-GNP), que é quen o lidera.

Pódese visitar no vestíbulo da biblioteca durante o horario de apertura.