AXENDA
Traballar cansa
07/10 - 28/11
Biblioteca Pública de Ourense
Ourense / Ourense
Exposición de gravados de Xosé Poldras

A Biblioteca acollerá a exposición de carpetas de gravados realizados con
diferentes técnicas, todos eles relacionados coa literatura, do artista
galego Xosé Poldras.

Ut pictura pöesis?

As relacións entre as imaxes e os textos desta mostra non deben buscarse na
ilustración do escrito, nin á inversa cando a carpeta se fixo en
convivencia entre gravador e escritora ou escritor. Non hai razón para
buscar, fluxos, simetrías, correspondencias, posto que, aínda que se deron,
pertencen só á mecánica de traballo, e non a lugares comúns entre o
visual e o narrativo.

Si hai unha unión importante entre o gravado, como proceso, e o que eu
entendo por escribir un poema:

Nin o poema escrito é xa ese canto primixenio orixe da poesía, nin a imaxe
estampada un debuxo espontáneo.

Na nosa cultura de textos, e obviando a oralidade felizmente recuperada, o
poema dáse a coñecer reproducido sobre papel ou en arquivo informático,
coma o gravado.

Poema e imaxe pasan ao papel, o poema dende la lingua e o gravado dende a
matriz.

Talvez esa sexa a razón pola que as artes gráficas, máis que outras, se
vexan preferentemente asociadas ao mundo do poema.

A exposición pódese visitar na planta baixa da Biblioteca e no seu horario
de apertura.