AXENDA
VI Certame de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
18/09 - 25/10
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
Pontevedra / Pontevedra

PRIMEIRA. Obxectivo

O obxectivo deste concurso é o fomento da creación literaria no ámbito da Biblioteca Pública, e servir como canle de difusión de novos valores.



SEGUNDA. Participantes

Poderán presentar os seus traballos as persoas maiores de 16 anos.

 

TERCEIRA. Tema

O tema será a igualdade de xénero.

 

CUARTA. Criterios de valoración

Orixinalidade no tratamento da temática elixida e no emprego de técnicas e figuras literarias.

Uso correcto da gramática e da ortografía.



QUINTA. Condicións de presentación das obras

 

Cada participante presentará un único relato. Este deberá ser orixinal e inédito, sen que fose reproducido ou difundido previamente en ningún tipo de soporte ou medio (publicacións escritas, páxinas web, redes sociais, etc.)

O idioma elixido pode ser o galego ou o castelán.

A extensión máxima admitida é de tres páxinas escritas a ordenador con fonte Arial de tamaño 11 e entreliñado de 1,5.

 

SEXTA. Presentación de orixinais

Os traballos poderán presentarse dun dos seguintes xeitos:

  1. Depositándoos no lugar habilitado no mostrador de préstamo do segundo andar da Biblioteca. O relato presentarase sen asinar e cun pseudónimo, introducirase nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo" e no seu interior, ademais da obra, incluirá outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.
  2. Enviándoos á Biblioteca por correo ordinario nun sobre sen remitente no que conste "VI Concurso de Relato Curto da Biblioteca Pública de Pontevedra + o pseudónimo". Nel incluirase o relato e outro sobre pechado cos Anexos I e II cumprimentados.



SÉTIMA. Prazo de admisión

O prazo de inscrición no certame vai dende o día 18 de setembro ata o 18 de outubro de 2019. Fóra desas datas non se aceptará ningunha obra.

 

OITAVA. Dereitos de autor

A propiedade intelectual das obras é dos autores. Non obstante, os autores das obras presentadas dan o seu consentimento e autorización á Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola da cesión de dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que estime axeitados, para os períodos e limitacións que a lexislación actual española establece, sempre que se mencione a autoría das mesmas e sen que comporte ningún abono de dereitos aos autores nin derive, en ningún caso, beneficios económicos a favor da biblioteca.

As obras premiadas pasarán a formar parte do patrimonio da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

Cada titular garante ser o titular dos dereitos sobre a obra presentada, polo que exime á biblioteca de calquera reclamación ao respecto.



NOVENA. Premios:

1º premio: Vale de compra por valor de 120 euros na librería Cronopios .

2º premio: Vale de compra por valor de 60 euros na librería Cronopios.

3º premio: Vale de compra por valor de 30 euros na librería Cronopios.

Ademais os tres traballos serán difundidos pola Biblioteca.

 

DÉCIMA. Xurado:

Presidenta: A Directora da Biblioteca.

Vogais: un técnico da Biblioteca e un profesional da literatura ou do mundo libreiro.

Secretario: un usuari@ da Biblioteca.

O veredicto do xurado será inapelable, podendo declarar deserto calquera premio se considera que as obras presentadas non teñen a calidade artística e o contido necesarios.

Os aspectos non previstos nesta convocatoria serán resoltos pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola como organizadora deste certame e, na súa competencia, polo xurado do certame.



UNDÉCIMA. Resolución e entrega de premios:

A resolución do xurado farase pública o xoves 24 de outubro, día das bibliotecas. A lista cos premiados será exposta no taboleiro de anuncios da segunda planta na Biblioteca e a través da páxina web da Biblioteca. Ademais, comunicaráselles ós gañadores.

Os traballos gañadores (e, no seu caso, aqueles que o xurado considere máis interesantes de entre os non premiados) serán promocionados pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola a través da súa web, das redes sociais e do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia, así como na propia biblioteca.



DUODÉCIMA. Devolución de orixinais

Os traballos presentados quedarán en poder da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que non devolverá aos seus autores os orixinais presentados nin manterá correspondencia cos participantes.



DÉCIMO TERCEIRA. Aceptación das bases

A participación no VI Certame de Relato Curto implica a plena aceptación do contido destas bases e as cuestións non previstas nas mesmas serán resoltas pola organización.

 

DÉCIMO CUARTA. Datos de carácter persoal

En cumprimento coa normativa vixente de protección de datos, requírese que os participantes cubran o Anexo II adxunto a estas bases.



DÉCIMO QUINTA. Información

Para calquera dúbida que xurda na interpretación das bases pódese contactar coa Biblioteca Pública Antonio Odriozola no mail biblio.publica.pontevedra@xunta.gal ou nos teléfonos 8866159250 e 886159245.