Entrega do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2021

O pasado 25 de outubro, e como peche da III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia: A biblioteca social, entregouse o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2021 ao proxecto Unha biblioteca para Xela (Redondela).

No seu fallo, a comisión de avaliación acordou a concesión do premio a esta biblioteca "pola oportunidade de propoñer unha programación de difusión da obra e da figura da escritora Xela Arias, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, ao tempo que dá a coñecer a biblioteca pública municipal de Redondela que leva o seu nome.

Utilizando a radio como base, os medios audiovisuais e as redes sociais, a biblioteca desenvolveu un proxecto innovador que posibilita un maior alcance e repercusión social das actividades desenvolvidas.

Valórase a capacidade para coordinar un proxecto moi completo, coherente e ambicioso, ben executado, que implica a distintos sectores sociais, culturais e empresariais, mesmo a familia homenaxeada.

Cómpre destacar a importante repercusión que tivo na poboación, o seu impacto no uso bibliotecario e na difusión aos medios.

Non se pode deixar de resaltar tamén a impecable e completa presentación do proxecto.

En definitiva, é un proxecto que conxuga innovación e excelencia na súa concepción, nos recursos innovadores utilizados e no esforzo na súa difusión".

Así mesmo, a comisión de avaliación do Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2021 fixo unha mención especial ao proxecto presentado pola Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia Viaxa coa lectura da man do voluntariado do Corpo Europeo de  Solidaridade: PFL Ribeiro, "polo inmenso traballo, esforzo, dedicación e profesionalidade da bibliotecaria que cos recursos ao seu alcance conseguiu elaborar un proxecto orixinal e moi atractivo, cun obxectivo claro de fomentar a lectura e a curiosidade, creando materiais e recursos novos, coherentes e moi atractivos. Establecendo complicidades con colectivos e institucións diferentes e achegándose a toda a comarca".