BOAS PRÁCTICAS
LEOBEN. Biblioteca Pública Municipal Ágora da Coruña
Trátase da creación dunha colección especializada en dificultades de acceso e comprensión da lectura na infancia e de toda unha serie de actividades e proxectos que se derivan da creación desta colección que tenta dar unha resposta ás demandas das familias e/os educadores/as sobre os recursos existentes, a súa utilización na aula ou na casa, e a necesidade de formación relacionada con estes temas.

O PORQUÉ DO PROXECTO

  • A necesidade de atender a toda a infancia no desenvolvemento dos proceso lectores independentemente das súas dificultades de orixe.
  • As inquedanzas das familias en relación á lectura e as dificultades de comprensión, buscando listaxes, suxestións de títulos ou documentos axeitados ás diferentes dificultades.
  • A preocupación do profesorado dos centros ordinarios para conseguir materiais que contemplen estas dificultades, normalicen as diferenzas, faciliten as aprendizaxes.
  • A necesidade, transmitida polos seus educadores e polas súas educadores de que estes nenos/as con dificultades atopen un espazo normalizado e aberto a toda a poboación con recursos para a lectura e a aprendizaxe.

DESTINATARIOS DO PROXECTO:

  • Nenos e nenas con dificultades no acceso e comprensión da lectura,
  • Infancia en xeral nos anos de aprendizaxe dos procesos lectores.
  • Familias, persoal docente, psicólogos e educadores que busquen mellorar as súas competencias relacionadas coa lectura e a comprensión lectora e que busquen recursos para o seu traballo.

OBXECTIVOS DO PROXECTO

  • Reunir, organizar e difundir unha colección útil e atractiva destinada á infancia con problemas no acceso e a comprensión da lectura.
  • Proporcionar un espazo cómodo e atractivo ás familias e docentes que traballan con nenos con estas dificultades.
  • Facilitar o acceso a recursos e materiais ás entidades que traballan coa infancia obxectivo.
  • Mellorar a formación en relación aos temas obxecto desta colección mediante a organización dunha xornada formativa anual.
  • Colaborar coas entidades naqueles proxectos ou cuestións nos que a biblioteca lles sexa de utilidade.
  • Contribuír a dar visibilidade e normalidade ás necesidades en materia de información e lectura das persoas con discapacidade intelectual tanto os motivados por diversos factores emocionais e madurativos como os intrínsecos á persoa.

METODOLOXÍA

Creación dun centro de interese que recolle documentos relacionados coa comprensión lectora e coas dificultades máis comúns detectadas na aprendizaxe da lectura.

Establecemento de plans de formación e difusión sobre os recursos existentes, a súa utilización e as dificultades relacionadas coa lectura, actividades para a infancia e desenvolvemento de subproxectos encamiñados a favorecer a presenza e a autonomía das persoas destinatarias na biblioteca.

Finalista I Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2018