BOAS PRÁCTICAS
Mapa literario de Vigo. Biblioteca Pública Municipal de Vigo "Xosé Neira Vilas"
O Mapa Literario de Vigo é un proxecto que nace dende a Bilioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e co que se quere amosar a importancia da cidade de Vigo dentro da literatura. Trátase da creación dunha páxina web que recolle en forma de liñas de transporte diferentes escenarios que forman parte da trama de libros pertencentes a diferentes tipos de xéneros literarios. O mapa permite a navegación polo mesmo seguindo as diferentes liñas, pero tamén facendo buscas por obras, escenarios ou autores.

Creáronse toda unha serie de liñas dun medio de transporte ficticio nas que cada parada se corresponde a unha localización concreta, levando o nome do título do libro no que aparece citada, enlazando dita parada co fragmento da obra á que fai referencia. Deste xeito naceron 10 liñas que conforman o mapa, unha delas marítima, xa que non era posible obviar a importancia da propia Ría de Vigo na literatura.

Obxectivo xeral: evidenciar a relevancia cultural do patrimonio literario de Vigo.

Obxectivos específicos:

  • Fomentar a conservación do patrimonio literario empregando novos enfoques e as novas tecnoloxías, aunando así as novas tecnoloxías e a tradición.
  • Preservar e promover o patrimonio cultural e inmaterial.
  • Fomentar hábitos lectores
  • Promover o traballo, o coñecemento e a memoria colectiva.
  • Fomentar a colaboración e a participación da cidadanía e a implicación de entidades culturais e sociais no proxecto.

Desenvolvemento do proxecto:

Actividades:

  • Presentación do mapa literario de Vigo.
  • Exposición na fachada da biblioteca.
  • Mostra bibliográfica.
  • Feira do libro 2018.
  • Feira do libro 2019
  • Reto literario

Material elaborado:

Páxina web: recurso web onde se pode atopar a presentación do proxecto, a idea da que parte, a súa finalidade e un pdf descargable da imaxe de cabeceira do Mapa Literario de Vigo. Na páxina recóllense:

  • Bibliografía: na que se recollen os títulos incluídos no mapa, e recompila así mesmo as localizacións presentes en cada unha das obras e o fragmento no que aparecen citadas.
  • Buscador: a través do que se permite a procura por título, autor, localización, editorial etc.

Material en papel:

  • Mapa: no que aparecen todas as liñas despregadas, para que calquera persoa interesada o puidese levar consigo.
  • Marketing offline: folletos, cartelería etc.

Público destinatario:

Beneficiarios directos: as persoas ás que vai dirixido específicamente o proxecto, é o público usuario da biblioteca. Un público xeral no que se inclúen todas as persoas sen distinción de ningún tipo.

Beneficiarios indirectos: cidadáns en xeral, centros de ensino, escritores e escritoras, ilustradores e ilustradoras, investigadores etc.

II Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2019