Medidas na Rede de Bibliotecas de Galicia durante o estado de alarma

A continuación presentamos a relación das medidas adoptadas desde o Servizo de Bibliotecas con motivo da situación excepcional na que se atopan as bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia:

1. Club de Lectura de Galicia

1.1. Cancelación dos envíos de lotes de libros.

1.2. Debido a que algúns dos clubs de lectura quedaron en suspenso (con libros a piques de empezar, outros a medio ler etc.) procederase a mover as datas de todos os envíos e devolucións de modo que estes días de confinamento non se contabilicen. Por exemplo, agora que xa sabemos que a corentena se prolonga ata o 11 de xuño:

- Se un centro ía ter un libro desde o 15 de maio ata o 15 de xuño, a devolución queda para mediados de xullo.

- Se unha biblioteca tiña fixado o 1 de xuño para a recepción dun libro, se lle enviará a primeiros de xullo e poderá lelo ata mediados de agosto. Se outra solicitaba ese mismo título para primeiros de xullo, se traslada a súa petición para primeiros de agosto e así sucesivamente.

No caso de prórroga do confinamento, procederase do mesmo xeito.

Cando voltemos á normalidade é previsible que haxa algúns problemas coas datas de envíos, recepcións etc., pero esperamos que entendades a dificultade de axustar todo o calendario e a case segura sobrecarga de traballo que terán os servizos de envío de paquetería.

 

2. Formación

Suspéndense os seguintes cursos ata novo aviso:

- Os cursos sobre informes estatísticos no programa Koha que se ían impartir ao longo de marzo.

- O curso da EGAP "Axenda 2030 e bibliotecas: oportunidades e retos" (a EGAP xa comunicou aos solicitantes, por medio de SMS e correo electrónico, a cancelación)​

- O curso de la EGAP "A expurgación da colección das bibliotecas públicas", que se ía celebrar en Santiago de Compostela o 15 e o 16 de abril.

 

3. Circulación (préstamos, reservas, devolucións etc.)

3.1. Bibliotecas Koha

- Préstamos: todos os préstamos que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 11 de xuño. Esta medida ten como finalidade evitar a concentración de usuarios con devolucións que podería producirse cando as bibliotecas estean en disposición de reabrir. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución.

Esta mesma prórroga aplicarase aos usuarios que tiñan pendentes devolucións antes da entrada en vigor do estado de alarma. O obxectivo é evitar que reciban avisos de reclamación durante o confinamento. Estas mensaxes non son efectivas xa que os usuarios non poden achegarse á biblioteca para devolver os documentos e, ademais, producen certa intertidume neles. Esta medida implantarase nos casos de lectores que tiñan préstamos que vencían entre o 17 de febreiro e o 13 de marzo (durante os 25 días anteriores á entrada en vigor do confinamento).

- Reservas: as reservas sen confirmar quedan suspendidas, de xeito que aínda que se entreguen os documentos (nos buzóns, por exemplo), non sairán os avisos de reserva nas pantallas de devolución. Polo tanto, as reservas non se poderán confirmar nin sairán os avisos automáticos de reserva dispoñible. Queda deshabilitada a reserva no OPAC e os bibliotecarios non deberedes facer novas reservas desde a intranet. Unha vez regresemos á normalidade, darémosvos intrucións sobre como proceder coas reservas que puideran ter quedado sen confirmar.

En relación coas reservas de préstamo intrabibliotecario confirmadas que os usuarios non puideron recoller, non se pode facer nada automaticamente. Os bibliotecarios teredes que sacar estas sancións manualmente.

- Devolucións: estamos a traballar nun desenvolvemento en Koha para que os documentos que devolvan os usuarios permanezan en estado de corentena no catálogo e que este sexa tamén visible no OPAC.

A duración desta corentena que se aplicará ás devolucións será, como mínimo, a que se estableza no Decreto que publique o Ministerio de Sanidad esta fin de semana ou, no seu defecto, a que marque o protocolo que publique o Ministerio de Cultura y Deporte.

En canto este desenvolvemento estea listo, comunicarase o funcionamento pormenorizado do mesmo ás bibliotecas co programa de xestión Koha tanto por correo electrónico, como a través desta páxina.

 

3.2. Bibliotecas Meiga

Dado que aplicar o cambio das datas de devolución en cada un dos catálogos implica que vos trasladedes ás vosas respectivas bibliotecas para actualizalos, e en previsión de que poida haber máis prórrogas do estado de alarma, desde o Servizo de Bibliotecas falamos co CAU para que a modificación das datas se produza unha vez vaia rematar esta situación excepcional. Será entón cando poderedes poñervos en contacto para comunicar ao CAU que queredes que cambie as datas de devolución automaticamente en todos os préstamos. Cando o fagades, Por favor, indicade claramente o nome da vosa biblioteca.

 

3.3. Bibliotecas con outros programas de xestión

Recomendamos a adopción destas mesmas pautas.

 

4. GaliciaLe

Debido ao aumento na demanda dos servizos de préstamo electrónico, habilitouse un espazo en GaliciaLe (tanto en eBiblio Galicia como no Catálogo galego) para que os cidadáns que non teñen carné de biblioteca poidan autorrexistrarse e teñan acceso ao servizo de préstamo dixital. O prazo para que se acheguen á biblioteca para obter o carné é de 30 días desde o remate da corentena.

4.1. Se o usuario reside nunha localidade cuxa biblioteca non está en Koha, poderá autorrexistrase co formulario do OPAC de Koha.

No despregable inicial non atopará a súa localidade, polo que terá que selecccionar a opción "Outra localidade". No recadro final "Outras bibliotecas/Otras bibliotecas" indicará a biblioteca á que quere que se lle vincule o carné. Unha vez rematada a corentena, extraeremos os datos para que os bibliotecario poidades dar de alta a estes usuarios nos vosos respectivos programas de xestión bibliotecaria. Rematada a corentena eliminaremos a opción "Outra localidade" así como o recadro final "Outras bibliotecas/Otras bibliotecas" no OPAC de Koha. Un mes despois daremos de baixa a estes usuarios.

4.2. Se o usuario reside unha localidade cuxa biblioteca está en Koha, poderá autorrexistrarse co formulario do OPAC de Koha. Darémoslles un prazo dun mes desde a fin da corentena para que se acheguen á biblioteca para obter o carné. Estes lectores terán a categoría "Autorrexistro" e poderán acceder a GaliciaLe. Unha vez rematada a corentena, se o usuario se dirixe á biblioteca para que se lle faga o carné, asignaraselle a categoría que lle corresponda. Se non fai o carné nese prazo, o rexistro eliminarase automaticamente de Koha e o lector deixará de ter acceso a GaliciaLe.

As bibliotecas Nodais e as municipais migradas na primeria fase (Oleiros, Neira Vilas de Vigo, Laxe, Ortigueira e Sanxenxo) é preciso que teñan en conta que hai usuarios que pasaron do anterior programa a Koha e que manteñen o carné antigo (non teñen, por tanto, acceso a GaliciaLe, polo que, aínda que queiran autorrexistrase non poderán facelo porque xa se atopan na base de datos de Koha). Será necesario que, no caso de que algún destes lectores contacte coa súa biblioteca, os bibiotecarios entren no rexistro do lector en Koha, preman na opción "Crear identidade de rede para o usuario" e, unha vez rematada a corentena, lles expidan unha nova tarxeta

4.3. Publicación dun vídeo promocional do novo autorrexistro en GaliciaLe.

 

5. Canles de comunicación das medidas

5.1. Avisos no OPAC

- Puxemos avisos no OPAC de Koha comunicando o peche das bibliotecas da Rede (despublicamos as mensaxes xa existentes de cada biblioteca), as sucesivas prórrogas dos préstamos, así como o mantemento dos servizos de préstamo dixital a través de GaliciaLe (Catálogo Galego e eBiblio Galicia), co obxectivo de ofrecer aos lectores unha alternativa aos servizos presenciais.

- No caso das bibliotecas Meiga, podedes solicitar ao CAU que inclúa o seguinte aviso nos vosos respectivos OPACs, similar ao que puxemos no OPAC de Koha:

Debido á situación excepcional na que nos atopamos, os centros da Rede de Bibliotecas de Galicia permanecerán pechados durante os días nos que estea en vigor o estado de alarma.

                             Todos os préstamos que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata a finalización do confinamento.

Lembra que podes seguir empregando o servizo de préstamo electrónico GaliciaLe (Catálogo galego e eBiblio Galicia). Para calquera dúbida ou problema técnico, por favor remite a túa consulta preferentemente por correo electrónico á túa biblioteca de referencia.

                                                                                                                              Un cordial saúdo.

5.2. Páxina web da Rede de Bibliotecas

Esta páxina recollerá todas as medidas que se vaian aplicando desde o Servizo de Bibliotecas. Por outra banda, atoparedes cada nova medida anunciada nos avisos da páxina inicial.

 

5.3. Mensaxes de correo electrónico

Calquera nova medida que adoptemos e que afecte ao conxunto da Rede será comunicada a través de mensaxes de correo electónico que remitiremos coa colaboración do CAU.​ Así mesmo, as decisións que afecten ás bibliotecas integradas en Koha, serán comunicadas directamente a eses centros polo persoal do Servizo de Bibliotecas.

 

6. Atención por parte do persoal do Servizo de Bibliotecas

O persoal do Servizo de Bibliotecas traballaremos por medio do sistema de teletraballo. Podedes contactar connosco a través do correo electrónico. En caso necesario, tamén podedes facelo vía telefónica en horario de 8.00 a 15.00 h., a través do CAU, o cal se porá en contacto connosco.

 

7. #aculturasegue

A Consellería de Cultura e Turismo creou o hashtag: #aculturasegue

Embaixo podedes atopar o mesmo en formato imaxe.

VÍDEOS RELACIONADOS