AVISOS
24/08/2018
Biblioteca de Verín
Eurocidade Chaves-Verín
Alto patrocinio do Parlamento Europeo

A Biblioteca de Verín acadou novamente o Alto Patrocinio do Parlamento Europeo para a súa actividade transfronteiriza "Convive coas linguas na Biblioteca de Verín Eurocidade Chaves-Verín 2018", unha xornada de contacontos e manualidades na que participaron onte día 23 de agosto un grupo de nenos e nenas da veciña localidade portuguesa de Chaves.

O Alto patrocinio representa para o Parlamento Europeo un xeito de prestar apoio moral e non material a un número escollido de eventos de calidade organizados sen ánimo de lucro, que revisten unha clara dimensión europea.

Neste caso, nunha carta remitida polo presidente do Parlamento Europeo Antonio Tajani, destácase precisamente a dimensión europea dunha actividade transfronteiriza a escala local que fomenta os vínculos culturais e lingüísticos galaicoportugueses entre os nenos e nenas de Verín e Chaves.

A Biblioteca de Verín suma deste xeito un novo galardón ao seu labor diario, ao seu constante traballo en prol da creación de vínculos máis alá das fronteiras e que fomentan a cidadanía activa, a democracia e o desenvolvemento persoal.

Desde aquí os nosos parabéns unha vez máis á Biblioteca de Verín.