Hoxe día 16 de novembro publícase no DOG a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2018 pola que se dá publicidade da axuda concedida ao abeiro da Orde do 5 de setembro de 2018 pola que se crea o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2018, mediante a cal se fai pública a concesión do I Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2018 á Biblioteca Pública Municipal de Camariñas polo seu proxecto O berberecho Rebecho viaxa a La Turballe.
A comisión de valoración destacou que se trata dun proxecto "innovador e orixinal centrado na súa contorna, que aproveita a oportunidade que supón o irmananmento do Concello de Camariñas coa poboación francesa de La Turballe" que fai da biblioteca "un centro de aprendizaxe ao longo da vida" e que pon en valor e cultiva a "identidade local mariñeira".
Este premio ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
O galardón está dotado cun único premio de 3000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora, e o acto de entrega celebrouse o pasado 26 de outubro durante a celebración da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia.