Pautas para a presentación de proxectos e boas prácticas

Esta pequena guía ten por obxectivo facilitar a presentación dos proxectos e boas prácticas ao Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2018. Trátase dun manual orientativo para o traballo de redacción da memoria, pero é preciso ler a convocatoria completa publicada no DOG do 18 de setembro de 2018 (Orde do 5 de setembro de 2018 pola que se crea o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia e se convoca para o ano 2018)

 

COMO PRESENTAR O PROXECTO

 

FORMATO:

  • Formato do arquivo: Word, Open Office, Libre Office
  • Nome do arquivo: Biblioteca ...
  • Extensión máxima: 20 páxinas A4 numeradas.
  • Interliñado: sinxelo
  • Tipo e tamaño de letra: Arial 12 puntos.
  • No caso de enviar imaxes que complementen as explicacións do documento, estas se remitirán en arquivos separados e numerados. Dentro do proxecto, e cando se faga alusión a cada unha destas imaxes, indicarase entre paréntese o número de imaxe que corresponda. Por exemplo: (Imaxe 1).

 

CONTIDO: a memoria descritiva deberá conter obrigatoriamente os seguintes apartados

  • Nome do proxecto ou boa práctica.
  • Obxectivos: explicade cales son os obxectivos concretos do proxecto: atraer novos lectores, fidelizar usuarios, integrar diferentes colectivos, aumentar o número de préstamos etc.
  • Metodoloxía: conxunto de actividades que se levaron a cabo no marco do proxecto, planificación establecida para a súa posta en marcha, recursos empregados, materiais necesarios para o seu funcionamento, proceso de elaboración do proxecto etc.
  • Finalidade: idea xeral á que se encamiña o proxecto. A diferencia dos obxectivos concretos, a finalidade é unha idea máis global de xeito que o proxecto pode ser un dos elementos que axuden a consecución dunha finalidade global ou o obxectivo xeral do mesmo.
  • Desenvolvemento: explicación do avance temporal do proxecto, de como foi progresando desde a súa concepción ata a o seu remate ou execución.
  • Criterios e procedementos de avaliación da súa efectividade: que instrumentos de avaliación se empregaron para a avaliación do impacto do proxecto, da valoración da consecución dos obxectivos etc.
  • Posibilidades de prolongación e/ou mellora do proxecto: propostas de mellora detectadas no proceso de avaliación e posibilidades de prolongación ou repetición do proxecto executado.
  • Ligazóns á documentación e ao proxecto presentado: ligazóns a recursos web propios do proxecto, vídeos, redes sociais, coleccións de fotografías etc.
  • Anexos: fotografías, vídeos, ou calquera outro material que sirva para contextualizado e apoialo documentalmente.

 

Lembrade que a memoria que presentedes ademais de contar con estes apartados que son obrigatorios, poderá conter calquera cuestión que desexedes, respectando sempre os límites de formato que vos indicamos.

 

Non se aceptarán proxectos que non se adecúen ao esquema descrito.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN: o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Pregamos que, na medida do posible, axilicedes o envío dos vosos proxectos coa finalidade de que, no caso de que a documentación presentada estea incompleta ou teña erros emendables, se vos poida requerir canto antes para que, no prazo de 10 días hábiles de conformidade co artigo 13 da Orde, rectifiquedes a falta ou acheguedes os documentos preceptivos.