Julio Alonso Arévalo
Julio Alonso Arévalo

É bibliotecario da Facultade de Tradución e Documentación da Universidade de Salamanca (USAL). Foi membro do Grupo de Investigación E-LECTRA, é o creador e editor do repositorio Open Access E-LIS e do Blog Universo Abierto. Dirixe o programa de radio Planeta Biblioteca e conta con máis de 200.000 seguidores en grupos profesionais de Facebook. Como investigador ten no seu haber arredor de 80 artigos científicos publicados en revistas como El profesional de la información, Library Hi-Tech, Electronic Library, Investigación bibliotecológica e Anales de Documentación, acadando máis de 1100 citas en Google Schoolar e 11 libros todos eles relacionados co acceso aberto, cos xestores de referencias bibliográficas e a lectura dixital o que lle valeu para ser premiado no ano 2013 co Premio Nacional de Investigación en Edición e Sociedade da información da UNE.

 

Presentará na I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, o relatorio e o obradoiro sobre Innovación Dixital.

 

RELATORIO “A biblioteca do futuro, o futuro da biblioteca”.

13.00 a 14.00 h Innovacion dixital nas bibliotecas públicas. Auditorio 1 CINC - Centro de Innovación Cultural

Coa chegada da era dixital o mundo da información cambiou radicalmente asumindo a obriga de ter que ocuparse de novas cuestións máis alá da esfera dos obxectos físicos, o que conleva un cambio de perspectiva que afecta aos obxectivos principais que debe cumprir a biblioteca. De este xeito estase creando unha brecha, cada vez maior, entre os que cren que o obxectivo fundamental da biblioteca é apoiar e promover os obxectivos da institución de acollida, e os que cren que o papel máis importante da biblioteca é o de ser un axente colaborativo do progreso e apoio á comunidade. As bibliotecas temos case a obriga de reinventarnos, de potenciar aqueles servizos e competencias que mellor fomos desenvolvendo ao longo da nosa existencia. Polo que a biblioteca cada vez será menos un lugar onde obter información de maneira pasiva, para ser un lugar cun carácter premeditadamente proactivo, capaz de involucrar á súa comunidade. Nesta comunicación farase unha análise das forzas internas e externas que se están producindo neste contexto. Desde a biblioteca transaccional á biblioteca relacional, desde a biblioteca dixital á biblioteca intelixente, desde os espazos de estudio aos espazos de fabricantes (makerspaces).

 

OBRADOIRO DE INNOVACIÓN DIXITAL: “Alfabetización dixital con aplicacións móbiles”

16.00 – 17.30 h Obradoiros participativos. Sala 2 (Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia)

No obradoiro sobre apps móbiles farase un repaso práctico polas mellores aplicacións de lectura e investigación do mundo iOS (Apple) como Android. As fontes de información sobre aplicacións (Ipadizate, Trucos e consellos para o teu Ipad, Aptoide, Appl-ause), aplicacións dedicadas á lectura (iBooks, Amazon, Stanza, Aldiko, Mantano, MoonReader, Wattpad), libro aplicacions, aplicacións para a lectura infantil, aplicacións para a lectura da Banda Deseñada (Comic Zeal, Perfect Viewer, ComicCat), aplicacións para ler prensa e medios (Press Reader, El País, Zinio, Kiosko), para radio e medios de comunicación (Tuelin e Ivoox), así como compiladores de novas (Mr. Reader, Feedler RSS, Sky Grid). Pero tamén se fará un percorrido por aplicacións útiles para a vida cotiá.

O obxectivo do obradoiro é que os asistentes poidan coñecer algunhas das mellores aplicacións e que eles mesmos poidan reproducir este obradoiro nas súas bibliotecas cos usuarios nas tarefas de alfabetización dixital. Sería desexable que as persoas asistentes trouxesen a súa tableta ou ben o seu teléfono móbil para descargarse e practicar con algunha das aplicacións.