É licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid e actualmente está preparando a tese doutoral. É facultativo de bibliotecas desde o ano 2005. Traballou nun primeiro momento como técnico de bibliotecas da área de automatización da Biblioteca Nacional de España pasando a ser xefe do Servizo de Programación e Coordinación editorial do Ministerio da Presidencia entre 2009 e 2010, ano no que pasa a ocupar a xefatura de área da Biblioteca Dixital da Biblioteca Nacional de España, ata que no 2014 se converte en Director da Biblioteca Dixital e de Sistemas de información. Actualmente e desde 2017 é o Director Técnico da Biblioteca Nacional de España.
Participou en numerosos grupos de traballo e proxectos nacionais e internacionais nos ámbitos das bibliotecas nacionais, bibliografía, bibliotecas dixitais e dixitalización, metadatos, autoridades... Conta no seu haber con varios artigos nas devanditas materias e impartiu docencia no Master de Bibliotecas e Patrimonio Documental da Universidade Carlos III de Madrid nos anos 2012 e 2013 así como diversos cursos organizados por asociacións profesionais como ANABAD e SEDIC.
Será o encargado de presentar o relatorio inaugural da I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia.
RELATORIO Haberá bibliotecas dentro de dez anos?
9.30-10.30 h Relatorio inaugural. Auditorio 1 CINC - Centro de Innovación Cultural
Este relatorio tratará de ser unha reflexión sobre o futuro máis inmediato das bibliotecas. Máis alá de cuestións estritamente técnicas e dos retos máis inmediatos aos que se enfrontan as bibliotecas, a formulación desta pregunta implica unha reflexión sobre o propio concepto da biblioteca, o papel que desempeña na sociedade e o que a sociedade espera dela. “Biblioteca” é hoxe un concepto amplo que designa realidades moi diferentes que van desde unha pequena biblioteca municipal ás grandes bibliotecas patrimoniais. Tratarase de expoñer algunhas das cuestións de fondo subxacentes no camiño que as bibliotecas están percorrendo nas últimas décadas, e que encaixe poden ou deben ter nunha sociedade na que a información e os medios técnicos son radicalmente diferentes a como foran hasta fai relativamente pouco tempo.