É licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e realizou un curso de posgrao sobre Bibliotecas, Arquivos, Documentación e Museos no Instituto de Estudios Tecnolóxicos Profesionais do CEU (Universidade San Pablo), un curso de postgrao de automatización de bibliotecas pola Universidade Iberoamericana e a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, e un mestrado en Xestión Cultural pola Universitat de Barcelona (UB). Foi presidenta e vicepresidenta da Asociación de Bibliotecarios e Arquiveiros de Galicia do ano 2006 ao 2010. Impartiu numerosos cursos sobre bibliotecas públicas e avaliación de servizos públicos, sendo especialista, pola súa traxectoria laboral, en proxectos de deseño de espazos bibliotecarios. Participa activamente en foros profesionais a través de publicacións e de numerosas presentacións e relatorios sobre bibliotecas públicas, políticas culturais e bibliotecarias, xestión cultural, avaliación de servizos bibliotecarios, sistemas e redes de bibliotecas, servizos innovadores nas bibliotecas públicas, etc. Durante os anos 2002 ao 2008 foi membro do Consello da Cultura Galega. Actualmente e desde o ano 1990 dirixe a Rede de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello da Coruña.
Presentará na I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia o relatorio e o obradoiro sobre a configuración de espazos nas bibliotecas públicas.
RELATORIO "Transformando bibliotecas, construindo fogares: a calidade no deseño dos espazos bibliotecarios como estratexia para atraer e acoller á comunidade"
12.00 a 13.00 h O espazo físico na biblioteca pública: espazos flexibles, acolledores e sociais. Auditorio 1 CINC - Centro de Innovación Cultural
O mundo google, como algúns autores lles gusta denominar á sociedade actual, trouxo a introdución masiva da tecnoloxía na vida cotiá e, como consecuencia, cambios sociais importantes que están a modificar o consumo. Neste mundo hipertecnolóxico as bibliotecas terán que abandonar, paulatinamente, a súa oferta tradicional e introducir unha nova oferta de servizos onde o encontro comunitario sexa o leit motiv deles. O éxito destes novos servizos dependerá, en meirande parte, da calidade do deseño dos espazos bibliotecarios. As bibliotecas deberán ser funcionais, atractivas e amigables para atraer e acoller á comunidade ou, pola contra, perderán o seu valor social.
OBRADOIRO Configuración de espazos
16.00 a 17.30 Obradoiros participativos. Sala 1 (Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia)
Durante dúas horas, os e as participantes poderán debatir e deseñar sobre plano e, en grupo, un espazo bibliotecario.