Fernando Juárez Urquijo
Fernando Juárez Urquijo

É licenciado en Xeografía e Historia e diplomado en Arqueoloxía pola Universidade de Deusto e Máster en documentación dixital pola Universidade Pompeu Fabra. Era o bibliotecario do seu pobo (Muskiz) cando ainda non había ordeandores, ocupación que exerce desde o ano 1988. Desde o 2008 é tamén o responsable das webs municipais. Autor de varios artigos e comunicacións, no 2015 publicou o libro “Biblioteca pública, mientras llega el futuro”. Tamén impartiu docencia especializada para profesionais sobre a web social e a web móbil aplicadas ás bibliotecas. Participou no grupo de validación do Plan Vasco de Lectura e forma parte do grupo de traballo sobre o préstamo dixital das bibliotecas de Euskadi. É membro de ThinkEPI (Grupo de Análise sobre Estratexia e Prospectiva da Información) e de Biblioblog. Desde abril do ano 2018 é vocal de FESABID.

 

Presentará na I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia a súa experiencia á fronte da Biblioteca Municipal de Muskiz.

 

EXPERIENCIA INNOVADORA "Biblioteca pública: mentres chega o futuro"

16.00 A 17.30 h Presentación dunha experiencia innovadora. Auditorio Neira Vilas (Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia)

Cando falamos de innovación sempre pensamos no compoñente tecnolóxico e poucas veces no factor humano. Pero os procesos innovadores non dependen tanto da tecnoloxía e os recursos como das persoas e o seu espírito creativo, da aposta por tomar decisións (tal vez equivocadas) nun entorno cambiante. O temor ao fracaso obstaculiza intentar facer cousas diferentes cos mimbres dos que dispoñemos.

Na biblioteca de Muskiz preguntámonos como é posible facer ben un traballo se non pensas de vez en cando o que fas, porqué o fas, para que, para quen... Como podemos afrontar o futuro sen facelo? Por que nos dedicamos a perder o tempo en cousas que poida que non funcionen? Hai remordementos por esa cantidade de traballo que se deixa de investir na rutina do día a día? Non chamamos a ese proceso innovación senón terapia que fai o traballo máis divertido e que nos axuda a atender mellor ás persoas usuarias.

Esta ponencia pretende ser unha invitación a xogar, experimentar, perder o medo ao fracaso, a tomar decisións para intentar facer as cousas sen preocuparnos o seu éxito.