Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia

II MAPA DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA

O 27 de maio de 2022, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, logo do informe do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 27.3 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia amosa a situación dos servizos bibliotecarios que forman parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, fixa os estándares aos que deben tender os ditos servizos e identifica as necesidades non cubertas a partir da comparación entre a situación dun determinado territorio cos valores estipulados nos estándares.

Para iso, analiza un conxunto amplo variables que serven para describir o alcance dos servizos que a cidadanía galega pode obter para o acceso á cultura a través das bibliotecas, e establece estándares sobre un total de 30 indicadores, repartidos en 10 bloques temáticos: distribución do fondo, espazos, dixitalización, condicións de apertura, recursos humanos, accesos, accesibilidade para persoas con discapacidade, accións de dinamización, sustentabilidade e orzamento.

O seu obxectivo é servir como base para a concreción do diagnóstico, dos valores, dos obxectivos, das actuacións e das prioridades da acción pública en materia de servizos públicos bibliotecarios de Galicia.

O Mapa está formado polos seguintes documentos:

  • II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia: informe completo no que se describe o contexto e antecedentes, o seu proceso de elaboración, se definen os estándares e se analizan os resultados da súa aplicación en termos globais.
  • Anexo I: contido da Ficha informativa coa comparativa de datos da Estatística anual de Bibliotecas Públicas de Galicia de 2015 e 2019.
  • Anexo II: contido do cuestionario en liña dirixido a cargos públicos municipais referido aos equipamentos bibliotecarios cos que contan os concellos.
  • Anexo III: contido da enquisa en liña de opinión ao persoal bibliotecario sobre o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia 2016.
  • Anexo IV: fichas informativas individualizadas por servizo bibliotecario e por concello, coa comparativa de datos da Estatística anual de Bibliotecas Públicas de Galicia de 2015 e 2019.
  • Anexo V : contido da ficha de diagnose dos servizos bibliotecarios: listado dos indicadores cos que se avaliaron os servizos.
  • Anexo VI fichas de diagnose individualizadas por concello, que indican o resultado de avaliar cada servizo bibliotecario aplicando os indicadores establecidos.

 

Mapa interactivo

Ademais, neste mapa interactivo poden consultarse de forma dinámica os datos e os resultados da avaliación dos servizos bibliotecarios de cada concello. Permite comparar os resultados dun concello coa media de todos os concellos de Galicia, así como coa da provincia e coa do estrato poboacional no que se atopa o concello.

 

I MAPA DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA

O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia amosa a situación das bibliotecas públicas galegas por concellos, facendo unha diagnose da mesma e achegando propostas de actuación que contribúen a un mellor servizo bibliotecario para a cidadanía.

O mapa constitúe unha ferramenta que permite establecer as necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio a partir da comparación entre a situación das bibliotecas nun determinado territorio cos valores estipulados nos estándares.

Para a elaboración do Mapa foi necesario como paso previo a elaboración do Censo de bibliotecas públicas de Galicia e a creación dos Estándares de bibliotecas públicas de Galicia.