O Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
Como novidade, na súa V edición, establecéronse dúas categorías en función da poboación do concello (entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes e entidades locais de máis de 10.000 habitantes), dotadas cun premio de 3.000 euros cada unha, así como un distintivo de biblioteca innovadora que os centros gañadores poden colocar nun lugar visible da biblioteca, no seu blog, páxina web ou outros recursos dixitais. Ambos galardóns entregáronse o 24 de outubro de 2022, no marco da IV Xornada de Bilbiotecas Públicas de Galicia e coincidindo co Día Internacional das Bibliotecas, aos seguintes proxectos:
1. Na categoría de entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes: "Bibliofogar 2021-2022", da Biblioteca Municipal Luis Seoane de Soutomaior.
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022 salientou "a vontade de innovación da biblioteca á hora de buscar e aplicar novas formas de achegarse aos usuarios desbotando rutinas de traballo máis pasivas. Deste xeito lógrase unha mellora no servizo á veciñanza a distintos niveis,traballando dende unha visión ampla do que debe ser unha biblioteca". Así mesmo, destacou "o valor deste proxecto pola súa capacidade de trasladar a actividade da biblioteca a lugares e colectivos afastados dela, apostando por unha proposta activa de ampliación e mellora do servizo de préstamo, de fomento da lectura, de busca e conquista de novos usuarios e de promoción da propia imaxe. Nun contexto maiormente rural e de poboación dispersa, a Biblioteca Luís Seoane decide saír en furgoneta ao encontro dos seus veciños, moitos con dificultades para o desprazamento e de idade avanzada. Impleméntase un servizo de entrega de libros a domicilio e conséguese implicar ademais a distintas asociacións e centros sociais, axudando á dinamización do tecido cultural do concello." Valórase positivamente "a dimensión social do proxecto, especialmente no que ten que ver coa atención a persoas da terceira idade. A proposta da biblioteca pretende fomentar a lectura entre os nosos maiores e traballar pola súa integración na comunidade, ademais de actuar a un nivel máis emocional, contribuíndo a acompañar e sacar do seu illamento a persoas obrigadas a vivir en soidade."
Para acceder ao proxecto, preme nesta ligazón
2.
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022 destacou a capacidade amosada pola biblioteca para "detectar e dar resposta ás necesidades específicas da súa comunidade, aventurándose máis alá do que serían as funcións tradicionais máis recoñecibles entre a cidadanía como propiamente bibliotecarias. Nun concello como O Porriño, onde abondan as familias novas, a Biblioteca Municipal propón unhas xornadas de conferencias arredor da crianza complementadas con centros de interese sobre a mesma temática e sobre educación igualitaria." A comisión valorou "a boa acollida do ciclo de conferencias entre a veciñanza, a campaña de promoción levada a cabo desde a institución e a vontade de continuidade e de mellora en anos sucesivos", así como o feito de que "se tivera en conta a profesionais do centro de saúde e de centros educativos locais para deseñar a programación e o calendario das xornadas; e tamén que se reparara nas necesidades de conciliación familiar proporcionando un servizo de acompañamento infantil na propia biblioteca, co que ademais se persegue o obxectivo de promover a lectura e o uso da biblioteca entre os máis pequenos."
Para acceder ao proxecto, preme nesta ligazón
A comisión de valoración do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022 tamén fixo unha mención especial ao proxecto "12 meses, 12 libros", do grupo de bibliotecas municipais José Saramago de Santiago de Compostela, por tratarse dun proxecto "moi ben elaborado que pretende impulsar entre os seus veciños o gusto pola lectura, a curiosidade por todo tipo de coñecemento e a adopción da cultura da aprendizaxe continua, poñendo especial atención nas franxas de idade que actualmente menos se interesan polas bibliotecas". Desde a comisión, animan aos seus responsables "a continuar con este tipo de programas, ao noso parecer moi positivos e interesantes por tratar de ir máis alá dos sistemas tradicionais de prescricións literarias e por preocuparse por un colectivo adulto ao que habitualmente se dirixen menos iniciativas. Así mesmo, quérese destacar a capacidade do persoal das bibliotecas por adaptar o programa e os materiais e servizos ás demandas de novos usuarios e usuarias que non estaban inicialmente entre os seus destinatarios."
Acceso ás anteriores edicións