O Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia ten por obxectivo recoñecer o labor das bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais de Galicia que leven a cabo proxectos e boas prácticas innovadoras, de utilidade para as persoas usuarias, sostibles no tempo e achegados ao contexto local no que se insiren.
Nesta edición foron recoñecidos os proxectos da Biblioteca Municipal Alfonso Castelao (na categoría de entidades locais con máis de 10.000 habitantes) e da Biblioteca Pública Municipal de Cenlle (entidade local cunha poboación de ata 10.000 habitantes), dotados cun premio de 3.000 euros cada unha, así como un distintivo de biblioteca innovadora que os centros gañadores poden colocar nun lugar visible da biblioteca, no seu blog, páxina web ou outros recursos dixitais. Ambos galardóns entregáronse o 30 de outubro de 2023, no marco da V Xornada de Bilbiotecas Públicas de Galicia, aos seguintes proxectos:
Boa práctica Club de lectura da historia de Betanzos
Valorouse a capacidade de innovación da biblioteca a través dun proxecto baseado en crear alianzas estratéxicas, empregar mediadores e tecer redes de colaboración con entidades sociais. A través dunha actividade aparentemente tradicional como é un club de lectura, reoriéntase a novos destinatarios que xeralmente nin participan nin teñen posibilidade de participar en iniciativas culturais, cámbiase completamente o sistema de difusión cara ao contacto persoal e redefínese o funcionamento interno no club, as súas lecturas combinadas con outro tipo de actividades sociais e formativas e prácticas para os/as participantes e a comunidade en xeral. Desta forma conséguese chegar a persoas con especiais necesidades de socialización e integración comunitaria (persoas maiores en situación de soidade non desexada, estranxeiras, con discapacidade); promóvense as súas relacións interxeracionais, a súa participación activa na vida cultural e a súa valorización social, contribuíndo así ao seu benestar físico, mental e emocional, así como á recuperación e divulgación da cultura local.
Para acceder ao proxecto, preme nesta ligazón
Colaborando co cole: biblioteca para tod@s
En canto a Cenlle, a comisión avaliadora tivo en conta a capacidade amosada para impulsar e dinamizar a apertura da biblioteca, deseñando un conxunto de actividades organizado, estruturado e coherente de cara á posta en funcionamento deste servizo, que lle permitiu obter un gran éxito de público nos primeiros meses desde a apertura. A comisión tamén valorou positivamente a dimensión social deste proxecto, por unha banda, o esforzo activo en conseguir a participación daqueles nenos e nenas que, pola súa situación familiar, orixe, lugar de residencia, falta de recursos ou outras circunstancias, tiñan máis dificultades para facer uso da biblioteca de xeito individual. E, en segundo lugar, o seu compromiso coa conciliación familiar, adaptando o horario das actividades ao horario escolar e incorporando o servizo de recollida dos nenos e nenas á saída do colexio. Saliéntase tamén o elevado grao de implicación da comunidade educativa, a través do deseño de varias estratexias de colaboración coas mestras e cos mestres.
Para acceder ao proxecto, preme nesta ligazón