Milan Kundera

Imaxe
17 de Xullo - 31 de Agosto 2023, 8:30 - 14:30
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Mostra bibliográfica

Milan Kundera foi un novelista e pensador de referencia na Europa da segunda metade do século XX. A pesar de nacer en Checoslovaquia. Kundera non se recoñeceu durante moito tempo como autor checo. Foi crítico co réxime comunista e, por iso, en 1975 puxo rumbo a Francia onde se instalou, traballou como profesor universitario e onde publicou gran parte dos seus libros.

Escribiu as súas principais obras na súa lingua nai, o checo, que deixou a finais dos anos ochenta polo francés, a lingua do seu país de adopción. O éxito de Kundera chegou na década dos oitenta, cos seus libros traducidos a decenas de linguas e adaptados ao cine. O gran público descubriu nel un senlleiro mundo narrativo, unha literatura culta e ao mesmo tempo lexible que combinaba o pracer do relato, tras anos de arideces experimentalistas, coa novela de ideas.

Herdeiro doutros grandes nomes da literatura universal como Kafka, Rebelais ou Cervantes, Kundera destacou por novelas cun marcado sentido filosófico que hoxe en día seguen a ser consideradas todo un clásico como A insoportable levidade do ser, A broma ou A ignorancia. Así mesmo, traballou o campo do ensaio con Un Occidente secuestrado, unha obra que foi recentemente reeditada co gallo da invasión rusa da Ucraína.

Milan Kundera doou toda a súa biblioteca e arquivo persoal á Biblioteca Provincial de Moravia, no seu Brno natal, para que ficase a disposición do público.

Sirva esta pequena mostra bibliográfica, que pode visitarse no 2º andar ata o 31 de agosto, para renderlle a nosa homenaxe.