Mostra bibliográfica
Reunimos nesta mostra bibliográfica unha escolma da obra da“mestra do conto contemporáneo”como homenaxe polo seu pasamento.
Alice Ann Laidlaw, nacida en Wingham, Ontario, Canadá, en 1931, foi a décimo terceira muller en obter o Premio Nobel e a primeira canadense en recibilo. Era tamén a primeira vez que o galardón chegaba ás mans dunha autora de relatos, xénero esquecido e reducido á categoría de segundoxénito fronte á primoxenitura da novela. Estudante brillante, acadou unha bolsa para á Universidade de Western Ontario onde rematou a carreira de Xornalismo inda que o seu interese xa estaba posto na escrita literaria. En 1951 casou con James Munro, pai das súas tres fillas, instalándose a familia en Vancouver e máis tarde en Vitoria, na Columbia Británica.
Alice Munro escribía os seus relatos entre tarefas domésticas, coidados infantís e colaborando na librería que dirixía xunto co seu home, negocio que aparece esporadicamente nalgúns dos seus contos.
Afastada do ambiente literario, conseguiu publicar en pequenas revistas ata espertar o interese dun editor de Ryerson Press quen publicou o seu primeiro libro de relatos, Dance of the happy shades, en 1968. Un ano mais tarde gañou o Governor’s General Award, importante premio literario que a dá a coñecer ao gran público e que gañaría dúas veces máis, antes de acadar o Nobel.
Os primeiros relatos de Munro non só son máis curtos que toda a súa obra posterior, senón tamén máis sinxelos e convencionais, localizados nun lugar concreto, no seu caso o Ontario rural, onde a vida transcorre en fogares sen electricidade ou auga corrente, e nos que os personaxes son homes de campo e amas de casa con difíciles expectativas de vida.
Co tempo, as historias evolucionan en tramas cheas de acontecementos que, pese aos enganosos títulos, evaden o sentimentalismo, abrazando un realismo nada retórico que conta moito en poucas páxinas. Coa súa capacidade para centrarse, e centrarnos, en detalles que normalmente esquivamos, converte as vidas correntes en existencias únicas, pese á economía da linguaxe, marca da casa, e a naturalidade da súa voz. Os relatos, con frecuencia protagonizados por mulleres comúns e correntes, nunca caen na condescendencia, inda que a protagonista cargue co peso dun mundo que non solicitou.
En 2013 recibiu o premio Nobel de Literatura sendo declarada pola Academia Sueca como a “mestra do conto contemporáneo” coa capacidade de “acomodar toda a complexidade épica da novela en só unhas poucas páxinas”.
Pode visitarse no segundo andar durante o horario de apertura da biblioteca