GaliciaLe

Que é GaliciaLe?

GaliciaLe é a plataforma de préstamo en liña de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.

GaliciaLe proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo e todas as idades o seu lugar.

En GaliciaLe atopará dous catálogos: o Catálogo galego, composto principalmente por libros e audiovisuais en galego, e eBiblioGalicia, cunha ampla selección de libros, revistas e audiolibros. As obras incluídas nestas dúas contornas poderanse ler e visionar en dispositivos compatibles en función do seu formato: lectores de libro electrónico, tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais.

 

Como acceder?

Para poder acceder a GaliciaLe é preciso ter o carné dalgunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Xunto co carné proporciónanselle as credenciais de acceso á súa conta persoal, desde a que poderá tomar materiais en préstamo.

Se aínda non ten carné ou o que ten xa non está en vigor, pode solicitalo desde aquí.

  • Novo servizo GaliciaLe+: as persoas de fóra de Galicia poderán facer uso do préstamo dixital en galego a través desta plataforma, obtendo un carné de usuario exterior. Para rexistrarse en GaliciaLe+ cómpre cubrir o formulario correspondente.

Funcionamento

  • Poden tomarse en préstamo ata un máximo de tres libros en cada catálogo, tres no catálogo galego e outros tres no catálogo en castelán, durante un prazo de 21 días.
  • Ademais, poden prestarse ata un máximo de dúas películas, unicamente no catálogo galego, que estarán á súa disposición durante un prazo de 48 horas.
  • As persoas usuarias do servizo GaliciaLe+ para residentes no exterior, poderán tomar prestado do catálogo galego un libro e un audiovisual simultaneamente.
  • Dependendo do documento de que se trate, a lectura pode facerse en liña ou mediante descarga. A visualización de películas só pode facerse en liña. 

Accedendo a cada un dos catálogos atopará máis información sobre os requisitos técnicos e normas de préstamo.

Servizo GaliciaLe