II Mapa de Bibliotecas de Galicia

O 27 de maio de 2022, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia, logo do informe do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 27.3 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

O Mapa de bibliotecas públicas de Galicia amosa a situación dos servizos bibliotecarios que forman parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, fixa os estándares aos que deben tender estes servizos e identifica as necesidades non cubertas a partir da comparación entre a situación dun determinado territorio cos valores estipulados nos estándares.

Para iso, analiza un conxunto amplo de variables que serven para describir o alcance dos servizos que a cidadanía galega pode obter para o acceso á cultura a través das bibliotecas e establece estándares sobre un total de 30 indicadores, repartidos en 10 bloques temáticos: distribución do fondo, espazos, dixitalización, condicións de apertura, recursos humanos, accesos, accesibilidade para persoas con discapacidade, accións de dinamización, sostibilidade e orzamento.

O seu obxectivo é servir como base para a concreción do diagnóstico, dos valores, dos obxectivos, das actuacións e das prioridades da acción pública en materia de servizos públicos bibliotecarios de Galicia.

Documentos que conforman o mapa

  • II Mapa de bibliotecas públicas de Galicia: informe completo no que se describe o contexto e antecedentes, o seu proceso de elaboración, se definen os estándares e se analizan os resultados da súa aplicación en termos globais.
  • Anexo I: contido da ficha informativa coa comparativa de datos da Estatística anual de Bibliotecas Públicas de Galicia de 2015 e 2019.
  • Anexo II: contido do cuestionario en liña dirixido a cargos públicos municipais referido aos equipamentos bibliotecarios cos que contan os concellos.
  • Anexo III: contido da enquisa en liña de opinión ao persoal bibliotecario sobre o Mapa de bibliotecas públicas de Galicia 2016.
  • Anexo IV: fichas informativas individualizadas por servizo bibliotecario e por concello, coa comparativa de datos da Estatística anual de Bibliotecas Públicas de Galicia de 2015 e 2019.
  • Anexo V: contido da ficha de diagnose dos servizos bibliotecarios: listado dos indicadores cos que se avaliaron os servizos.
  • Anexo VI: fichas de diagnose individualizadas por concello, que indican o resultado de avaliar cada servizo bibliotecario aplicando os indicadores establecidos.

Mapa interactivo

Ademais, neste mapa interactivo poden consultarse de forma dinámica os datos e os resultados da avaliación dos servizos bibliotecarios de cada concello. Permite comparar os resultados dun concello coa media de todos os municipios de Galicia, así como coa da provincia e coa do estrato de poboación no que se atopa o municipio.