As bibliotecas

Unha biblioteca é unha organización que ten como misión reunir, conservar, organizar e difundir documentos publicados ou creados para a súa difusión. Nela poden atoparse documentos en soportes e formatos variados: libros, xornais, revistas, discos, soportes electrónicos ou fotografías. A súa finalidade principal é facilitarlle á cidadanía o acceso á cultura, á información, á investigación, á educación e ao lecer, e ademais serve de instrumento para a integración social e a participación cidadá.

As bibliotecas constitúen servizos culturais e informativos da máxima relevancia para unha sociedade avanzada. A través delas posibilítase o cumprimento de importantes mandatos constitucionais, como son o acceso de todos e todas á cultura, a participación da cidadanía na vida cultural e a conservación e promoción do patrimonio cultural do pobo galego.

Biblioteca de Galicia

Tipos de bibliotecas

En función das súas características, diferéncianse os seguintes tipos de bibliotecas:

  • Bibliotecas públicas: son aquelas abertas ao público xeral, que lle prestan un servizo a toda a cidadanía de lectura e información en condicións de igualdade, gratuidade e continuidade. Facilitan a consulta e o préstamo a domicilio de libros e outros documentos, promoven a lectura, a formación e a creación cultural e son tamén un espazo para compartir intereses e favorecer a participación social.
  • Bibliotecas universitarias: son centros de recursos informativos e documentais orientados á aprendizaxe, a docencia, a investigación e outras actividades relacionadas co ensino superior. Os seus fondos refírense a un campo específico de coñecemento e principalmente préstanlles servizos aos membros da comunidade universitaria.
  • Bibliotecas escolares: dependen dun centro educativo non universitario, e están dirixidas a facilitarlle á comunidade escolar os recursos documentais necesarios para o ensino, a aprendizaxe, o uso e produción de información, o fomento da lectura e o acceso á cultura. Son tamén un punto de encontro entre o alumnado, o profesorado e as familias que facilita a comunicación, a creatividade, a aprendizaxe, o traballo colaborativo e os intercambios culturais no centro.
  • Bibliotecas especializadas: son aquelas cuxos fondos bibliotecarios están referidos principalmente a un campo específico do coñecemento.
  • Bibliotecas patrimoniais: son as bibliotecas encargadas de recoller, conservar e recuperar os fondos documentais que pola súa antigüidade, singularidade ou valor, forman parte do patrimonio bibliográfico.
  • Bibliotecas móbiles: son bibliotecas públicas que non funcionan nun establecemento fixo senón que se desprazan de forma periódica entre distintas localidades, normalmente mediante un vehículo motorizado.
  • Bibliotecas dixitais: son coleccións de obxectos dixitais, tales como libros, audiovisuais, imaxes e outros, recompilados e organizados para servir a unha comunidade de persoas usuarias.

O Directorio de Bibliotecas recolle os datos das bibliotecas públicas e das bibliotecas especializadas localizadas en Galicia. Na sección "Outras bibliotecas" pode encontrarse información adicional sobre algunhas destas e doutras tipoloxías.